Última semana para presentar traballos aos concursos de carteis, fotografía e redacción da LII Festa da Troita de Ponte Caldelas

Publicado por o día 26/03/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Última semana para presentar traballos aos concursos de carteis, fotografía e redacción da LII Festa da Troita de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas pecha esta semana o prazo de presentación de traballos para os seus concursos de Redacción, Carteis e Fotografía da Festa da Troita. O último  día será este  próximo venres, día  30, nas oficinas municipais.

As bases, que están colgadas no sitio web www.pontecaldelas.org, detallan uns premios económicos de 400 euros para o mellor cartel, e de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres mellores fotografías. O  concurso de Redacción, pola súa banda, está reservado para escolares do municipio e está dotado cunha tableta electrónica.

O concurso de Carteis está aberto aos formatos comprendidos entre 45×60 e 75×100 centímetros coa inclusión obrigada das lendas “LII Festa da Troita” e “Ponte Caldelas 2018”. Cada artista poderá presentar un máximo de dous traballos, que deberán entregarse nas oficinas municipais. Establécese un único premio de 400 euros.

O concurso de Fotografía basearase en imaxes sobre a Festa da Troita, o municipio, labores tradicionais, as xentes ou aspectos relacionados con Ponte Caldelas e a sostibilidade. Non se admiten imaxes manipuladas con programas de  tratamento gráfico. O tamaño mínimo das copias debe ser de 15×20 centímetros e poden ser a cor, branco e negro, brillo ou mate. Os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro.

Os certames de Carteis e Fotografía teñen normas comúns para a selección das obras gañadoras. En primeiro lugar admítese un máximo de dous traballos por autor. Deben estar identificados cun lema no dorso, incluíndo un sobre á parte, identificado no exterior co mesmo lema e os datos persoais no interior.

En canto ao concurso escolar de Redacción, inclúe dúas categorías (de 9 a 11 anos e de 11 a 18 anos). A temática debe versar sobre as tradicións, festas, paisaxes, contos ou calquera outro tema sobre Ponte Caldelas, así como o concepto de sostibilidade e medio ambiente. Poderanse presentar escritos a man, sempre que a letra sexa lexible. O premio consiste na publicación da Redacción no libro da Festa da Troita e o agasallo dunha tableta electrónica.