Últimos días para matricularse no curso de formación do profesorado universitario novel

De carácter virtual, a actividade ten unha duración de 60 horas
Publicado por o día 29/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Últimos días para matricularse no curso de formación do profesorado universitario novel

O arranque da vida profesional como docente universitario é ilusionante, pero supón tamén un importante reto que non está exento de dúbidas e incertezas. Co obxectivo de facilitarlles este proceso ao seu persoal investigador máis novo e ao profesorado axudante e axudante doutor de recente incorporación, a Universidade volve pór en marcha o curso Formación do profesorado universitario novel, unha actividade de carácter virtual que será impartida polas docentes do Departamento de didáctica, organización escolar e métodos de investigación Margarita Pino e María del Carmen Ricoy e o profesor Fernando J. Melgosa, do Departamento de Ciencias Históricas e Xeografía da Universidade de Burgos.

Con inscrición aberta ata o venres día 31, o curso ten como principal obxectivo que o profesorado novel mellore as súas competencias docentes relacionadas coas metodoloxías, recursos didácticos tecnolóxicos, comunicación, acción titorial e avaliación por competencias. Trátase de axudarlles a estes novos docentes, con reducida ou nula experiencia previa de ensino, a identificar as diferentes metodoloxías activas, a xerar recursos didácticos co apoio da tecnoloxía, a aplicar diferentes tipos de acción titorial, avaliar por competencias ou deseñar os seus propios recursos didácticos.

Esta actividade formativa, de 60 horas de duración e dirixida a un máximo de 20 persoas, impartirase desde o 1 de febreiro ata o 29 de maio e, se ben ten carácter virtual, realizarase tamén un seminario presencial de catro horas de duración do que aínda non se concretou o día. Organizado pola Área de Formación e Innovación Educativa, o curso forma parte do Programa de Formación Permanente do PDI da Universidade de Vigo para o ano 2020.