Expertos e expertas de todo o mundo reuniranse en Vigo en xuño para avanzar no coñecemento da oxidación lipídica, unha das principais causas do deterioro dos alimentos xunto coa acción dos microrganismos. Este proceso químico ten un importante impacto, tanto económico como sanitario, polo que a comunidade científica trata de achegar novas perspectivas e estratexias de investigación para poder avanzar no coñecemento desta rección química e o seu control a través de antioxidantes. Algúns dos últimos estudos neste eido presentaranse entre o 10 e o 12 do vindeiro mes de xuño, nun congreso internacional organizado pola Universidade de Vigo no que se agarda participación de preto de 200 persoas. Este 3nd International Symposium on Lipid Oxidation colle o relevo da cita celebrada na cidade austríaca de Graz en 2018 e á fronte do seu comité organizador está o catedrático Carlos Bravo, do Departamento de Química Física. Explica que a European Federation of Lipids, entidade que impulsa o simposio, buscaba unha cidade europea accesible e que tivese, cando menos, un grupo de traballo investigado no tema durante máis de dez anos.
Degradación dos alimentos, envellecemento e enfermidades dexenerativas
A oxidación dos lípidos é unha das principais causas de deterioro dos alimentos, unha reacción química de natureza radicalaria que ten como consecuencia principal a formación de radicais libres. Dende o punto de vista alimentario, “a oxidación lipídica provoca grandes perdas económicas pola degradación organoléptica dos alimentos e polos problemas de salubridade asociados”, explica Bravo, xa que como detalla “provoca o desenvolvemento de sabores estraños e vai acompañada da perda de nutrientes e outras moléculas bioactivas e, eventualmente, dá lugar á formación de compostos tóxicos”. Todo isto, engade o catedrático, fai que os alimentos sexan inadecuados para o seu consumo”. Pero máis aló do eido alimentario, estes radicais libres teñen un efecto directo sobre o envellecemento e a aparición dalgunhas enfermidades neurodexenerativas.
Para tratar de minimizar os efectos nocivos deste proceso químico, explica o catedrático, engádense antioxidantes ás diferentes formulacións, tanto por razóns prácticas como económicas. O obxectivo desta medida, ademais de controlar a oxidación lipídica, é “atender ás novas esixencias sociais, nutricionais e de saúde da poboación”, que son o motivo da aparición de alimentos funcionais e nutraceúticos, “alimentos que, ademais das súas funcións nutritivas xerais, presentan propiedades beneficiosas para a saúde humana”.
Tres días de congreso
Para os tres días de duración do congreso, que se desenvolverá no museo Marco, agárdase a asistencia de entre 150 e 200 expertos e expertas de todo o mundo, con especial presenza de centros de investigación e universidades europeas. Abordaranse, explica, Carlos Bravo, “temas que dun xeito o outro, están relacionados coa temática do congreso”, como métodos para avaliar a oxidación lipídica e o seu control con antioxidantes; análise dos mecanismos de oxidación lipídica e inhibición por antioxidantes; oxidación lipídica en sistemas multifásicos e complexos; oxidación de proteínas e co-oxidación lipídica; estrés oxidativo e a súa relación coa saúde humana e o envellecemento; aspectos nutricionais e fisiolóxicos e deseño, fontes e aplicacións de antioxidantes mariños e vexetais.
Entre os poñentes convidados están Carolina Aliaga, da Universidad de Santiago de Chile; Claire Berton-Carabin, da Wageningen University and Research dos Paises Baixos; Mario Estévez, da Universidade de Extremadura; Santiago Aubourg, do Instituto Investigacións Mariñas, CSIC; Gregorz Litwinieko, da University of Warsaw en Polonia e Larry Romsted, da State University of New Jersey, USA.
Os retos: frear o proceso de deterioro e desenvolver alimentos funcionais e nutraceúticos
O principal reto ao que se enfronta a comunidade científica que traballa neste campo é, apunta Bravo, “coñecer como podemos controlar esta reacción tan perniciosa tanto para a saúde humana como para dispoñibilidade de alimentos saudables”. Explica que esta reacción prodúcese principalmente pola presenza de osíxeno tanto a nivel celular como no ambiente, “o osíxeno é unha substancia necesaria para o mantemento da vida pero que, a súa vez, é perniciosa por tratarse dunha substancia de natureza radicalaria que dá lugar a procesos oxidativos radicalarios”.
Por outra parte, outro foco de atención para as e os investigadores son as novas esixencias sociais, nutricionais e de saúde da poboación, que teñen motivado investigacións sobre o desenvolvemento de alimentos funcionais e nutraceúticos que, ademais das súas funcións nutritivas xerais, presentan propiedades beneficiosas para o mantemento da saúde humana. Ademais destes temas, engade Bravo, no marco do congreso tamén vai ter lugar unha xuntanza específica con investigadores de diferentes universidades de todo o mundo, na que analizarán os resultados dun estudo efectuado en todo o mundo o ano pasado sobre os métodos de avaliación da oxidación lipídica.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.