Proporcionarlles ás e aos participantes unha visión dos problemas, retos e solucións sobre a propiedade intelectual na Universidade é o obxectivo principal do curso virtual Propiedade intelectual e persoal docente universitario, que a Área de Formación e Innovación Educativa promove no marco do Programa de Formación Permanente do PDI. Aberto a un máximo de 30 participantes, o obradoiro, que pechará o 30 de abril o seu prazo de matrícula, está destinado ao persoal docente e investigador, aínda que poderán tamén participar outras persoas interesadas no caso de quedar prazas libres.
A actividade desenvolverase os días 5, 7, 12 e 14 de maio en horario de 16.30 a 18.30 de xeito telemático. A finalidade e “formar ao persoal docente universitario en todos aqueles temas de propiedade intelectual que lle afectan; dende a xeración de contidos, o plaxio, os repositorios institucionais, as licencias Creative Commons, a utilización de contidos de terceiros na docencia e na investigación ou a explotación de resultados de investigación, entre outros”, sinala o docente do obradoiro, Carlos Gómez, secretario xeral adxunto da Universidade de Santiago de Compostela.
Relevante para a creación de material docente e a titorización de traballos de fin de estudos
Grazas ao seu carácter virtual, esta actividade formativa non se verá afectada pola suspensión da actividade docente presencial decretada co propósito de frear a expansión do coronavirus. A docencia centrarase en “explicacións interactivas e a realización de casos entres os participantes nas sesións”, explica Gómez. O curso comezará cunha introdución á propiedade intelectual para, pouco a pouco, ir afondado en temas como a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual nos distintos colectivos universitarios: PDI, PAS e alumnado, as licenzas de uso libro, os límites dos dereitos de propiedade intelectual no que se refire a citas, dereito de ilustración etc., a propiedade intelectual na era dixital e nas leis, Open Access, os programas de ordenador e bases de datos, a propiedade intelectual nas teses de doutoramento, as entidades de xestión dos dereitos de autor, a defensa dos dereitos de propiedade intelectual, ou a explotación dos dereitos de propiedade intelectual xerados polo persoal docente entre outros.
Todos os coñecementos que o alumnado adquirirá durante a actividade “son aplicables no día a día do profesorado xa que afectan, por exemplo, ao material docente xerado para a realización das clases, á titorización de TFG e TFM e teses de doutoramento ou á realización e elaboración de materiais de investigación”, salienta Gómez.
No marco das liñas de acción do selo HR
O curso forma parte das liñas de acción do selo HR, que busca mellorar o futuro profesional do persoal investigador. “Este selo trata de identificar a aquelas universidades que xeran e apoian a existencia dunha contorna estimulante e favorable ao traballo de investigación. Polo que afecta a este curso, trata de que os investigadores cumpran escrupulosamente coa lexislación de propiedade intelectual, respectando os dereitos de terceiros e que se protexan os activos de propiedade intelectual xerados nos centros universitarios, tendo en conta que o ‘coñecemento universitario’ é o principal activo dos centros de educación superior”, conclúe Carlos Gómez.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.