Un estudo publicado en ‘Science’ demostra que a diversidade de miñocas de terra é maior en rexións temperadas que nos trópicos

O traballo, con participación da UVigo, advirte do impacto do cambio climático nestes invertebrados
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un estudo publicado en ‘Science’ demostra que a diversidade de miñocas de terra é maior en rexións temperadas que nos trópicos

A diversidade de miñocas de terra é maior en rexións temperadas que nos trópicos, en contra do patrón dos organismos de superficie, e o cambio climático global podería alterar as comunidades destes invertebrados en todo o mundo. Estes son os dous resultados principais dun estudo internacional publicado na portada do último número da revista Science e no que participaron tres investigadores da Universidade de Vigo. O traballo supón o primeiro gran mapa global sobre diversidade, abundancia e biomasa de miñocas de terra.

O estudo estivo coordinado polo Centro Alemán para a Investigación Integrativa de Biodiversidade (iDiv) e a Universidade de Leipzig, con Helen Phillips, Nico Eisenhauer e Erin Cameron á cabeza, e nel participaron 140 investigadores e investigadoras de todo o mundo para compilar o conxunto de datos de miñocas de terra, abarcando 6928 localizacións en 57 países. Por parte da Universidade de Vigo participaron María Jesús Iglesias Briones, catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e profesora da Facultade de Bioloxía; Javier Rodeiro, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un dos responsables do grupo SI06, e Raúl Piñeiro, investigador de predoutoramento tamén do grupo SI06. Sobre a importancia desta investigación, María Jesús Iglesias Briones subliña que “é hora de que lle deamos a importancia que merece á inmensa diversidade de organismos que viven baixo os nosos pés”.

A idea deste traballo, indican os seus responsables, xurdiu en 2016, cando os dous centros coordinadores nomearon a un grupo de traballo internacional, no que participou Iglesias Briones, para compilar o maior número de datos dispoñibles de miñocas de terra. Este grupo encargouse de contactar con investigadores e investigadoras de miñocas de terra de todo o mundo para obter rexistros de abundancia e biomasa destes invertebrados nunha gran variedade de ecosistemas e puntos do planeta. Unha vez recompilados os datos, detallan, realizouse un grande esforzo taxonómico para validar os nomes das especies, tarefa na que tivo un papel destacado a catedrática da Universidade de Vigo, experta en taxonomía de miñocas e que se encargou de validar as especies de Europa. Igualmente levouse a cabo un destacable esforzo para a estandarización do formato dos datos, parte na que participaron os investigadores do grupo SI06, e para engadir información adicional ao estudo.

Patrón oposto á diversidade aérea

“Os resultados deste gran traballo amosan que os patróns de biodiversidade edáfica non coinciden cos observados para os organismos que viven na superficie”, indican as e os autores do traballo. Así, detallan, a diversidade de plantas, insectos ou aves (número de especies dentro dunha área determinada) xeralmente aumenta desde as latitudes máis altas cara ao Ecuador, o que significa que o número de especies adoita ser máis alto nos trópicos. No caso das miñocas de terra, as e os investigadores identificaron o patrón oposto, atopándose a maior diversidade local de miñocas de terra en Europa, o nordés de Estados Unidos e Nova Zelandia. Tamén se identificaron patróns similares para a abundancia (número de individuos por área) e biomasa (masa por área) de miñocas de terra, que tamén mostran valores máis altos en rexións temperadas.

O traballo tamén recolle que as especies de miñocas de terra que aparecen nos trópicos parecen ter rangos de distribución máis pequenos, é dicir, que avanzando soamente uns poucos quilómetros pódese atopar un conxunto completamente distinto de especies destes invertebrados, mentres que en rexións máis frías non se producen cambios tan rechamantes no número de especies. “Isto podería significar que, aínda que a tendencia xeral observada é que a diversidade de miñocas de terra diminúe nos trópicos, o número total de especies en toda a rexión pode ser en termos absolutos extremadamente alto”, detallan as e os autores do traballo. A razón principal desta incerteza, explican, é que moitas especies de miñocas tropicais aínda non foron descritas e existe un gran número de endemismos. “Por tanto, investigar as miñocas de terra nestas zonas é unha prioridade”, subliñan. No estudo realizado tamén se avaliaron cales son os factores ambientais que determinan o número de especies de miñocas de terra, así como a súa abundancia e biomasa. Os resultados, sinalan os autores do traballo, indicaron que os factores climáticos (principalmente a precipitación e a temperatura) son os máis relevantes. “Este achado permitiu concluír que o cambio climático podería causar cambios importantes nas comunidades de miñocas de terra e alterar e/ou perder as funcións e os servizos que proporcionan aos ecosistemas”, recalcan.

Biodiversidade edáfica

Sobre a relevancia do traballo feito, os seus responsables indican como os resultados teñen implicacións desde o punto de vista da xestión e conservación dos hábitats e especies, xa que a biodiversidade é un criterio fundamental para a protección dos hábitats. Esta biodiversidade, indican, adoita referirse só á diversidade aérea (vexetación) e exclúe á biodiversidade edáfica, o que resulta na súa opinión “nunha protección do ecosistema claramente deficiente”. “As conclusións deste traballo confirman a necesidade de incluír a biodiversidade edáfica para ter unha avaliación completa dos ecosistemas, o que permitirá aos conservacionistas identificar os verdadeiros puntos quentes de biodiversidade do planeta, os lugares onde hai unha variedade especialmente grande de especies”, apuntan.

As miñocas de terra, lembran as e os autores do estudo, distribúense nunha gran variedade de ecosistemas e xogan un papel crucial no seu funcionamento pois por exemplo, forman galerías e incorporan os residuos orgánicos no solo, acelerando a súa descomposición. Estes invertebrados, indican, “son axentes esenciais na provisión dunha ampla gama de servizos ecosistémicos: ciclo de nutrientes, hidroloxía, secuestro de carbono, a mitigación climática ou a dispersión de sementes”, cuestións que fai que sexan “considerados verdadeiros enxeñeiros do ecosistema”. Esta importancia tamén se reflicte, engaden, na gran cantidade de biomasa que representan as miñocas de terra nos ecosistemas, indicando como a biomasa total de miñocas adoita ser maior que a de todos os mamíferos que viven na mesma área. A pesar deste impacto das miñocas de terra, destacan, “sábese pouco sobre a súa distribución xeográfica a escala global”, situación que motivou a realización deste estudo internacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.