O Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic acaba de recibir en Londres un dos premios entregados no Edge Computing Congress, un encontro no que se reuniron os principais operadores de sistemas de comunicación móbil (Movistar, Vodafone, Orange…) e provedores de tecnoloxía (AMD, Huawei, Intel…) de todo o mundo. En concreto, recibiron o 2º premio do MEC Hackathon, certame promovido pola ETSI, European Telecommunications Standards Institute, un dos tres organismos de estandarización europeos cunha elevada aceptación a nivel mundial e integrante do Third Generation Partnership Project (3GPP), onde se definen os estándares para os sistemas de comunicación móbil como o 5G.
O traballo premiado foi un demostrador para a Industria 4.0 no que o xurado valorou non só o correcto funcionamento do sistema, senón tamén a claridade da explicación dos seus obxectivos, a súa integración nas plataformas dos provedores e, finalmente, o correcto uso dos estándares da ETSI. “Esta foi a primeira vez que participamos neste evento. Fomos un equipo no que nos integramos investigadores de atlanTTic e membros da empresa Optare, coa que mantemos unha colaboración moi intensa no ámbito dos sistemas de comunicación 5G”, explica Felipe Gil, un dos tres investigadores premiados, xunto con Javier González Castaño e David Candal.
“O principal resultado é o recoñecemento internacional”
“Para nós o principal resultado é o recoñecemento internacional que implica o premio”, recalca o investigador, ao que engade que o galardón supón formar parte do Intel Software Innovator Program, que, á súa vez, abre a oportunidade de ser elixido Intel Early Innovation Project, o que suporía poder colaborar con Intel -e obter financiamento pola súa parte- e participar na iniciativa Wayra de Telefónica. Rematar no segundo posto do MEC Hackathon supón tamén un recoñecemento ao traballo que realiza o Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic en colaboración con Optare no ámbito dos sistemas 5G. “Mostra que somos punteiros nesta liña de investigación a nivel mundial e danos visibilidade entre os operadores e os provedores de tecnoloxía”, apunta o investigador, ao que engade que o galardón tamén lles axuda a reforzar a colaboración do grupo con Optare.
Fábricas intelixentes sen necesidade de instalacións de hardware complexas e caras
O xurado destes premios buscaba aplicacións “útiles e realistas” que demostrasen o valor dos sistemas Edge Computing, é dicir, dos mecanismos de cómputo situados na rede (na nube) nun lugar fisicamente próximo ao usuario final, para conseguir así satisfacer latencias moi baixas. Nesta liña, o demostrador desenvolto polo equipo vigués presenta unha maqueta dun sistema industrial que introduce sistemas de intelixencia artificial na factoría sen ter que realizar instalacións de hardware in-situ complexas e caras. Chega, segundo explican os investigadores, con instalar unha cámara ou outros sensores que recollan a información necesaria para que un sistema que se executa no “edge” (en referencia á nube) poida tomar decisións que logo se lle transmiten a actuadores na propia fábrica. “Por así dicir, construímos no ‘edge’ un ‘cerebro’ para a factoría, onde están os seus ollos e os seus brazos. Ademais, tamén propuxemos estender os estándares da ETSI á implementación de solucións para certas necesidades que detectamos, o cal resultou unha achega orixinal e de grande valor”, recalca o investigador.
Demostracións do uso de sistemas MEC
Neste ‘hackathon’ buscábase completar demostracións do uso de sistemas MEC (Multi-Access Edge Computing) como habilitador para distintos casos de uso, de cara a axudar a comprender esta tecnoloxía e facela avanzar. Para isto utilizáronse os estándares sobre MEC que está definindo a ETSI.
O concurso dividiuse en dúas partes. Nunha primeira fase foi preciso enviar unha proposta na que se describía o proxecto, as tecnoloxías utilizadas e o equipo de traballo. “Unha vez fomos seleccionados, tivemos que acudir ao evento en Londres e alí traballamos man a man cun dos principais creadores de plataformas MEC, Saguna, para poñer en marcha o noso proxecto sobre o seu sistema. Rematamos cunha demostración en vivo e unha breve presentación diante dos membros do xurado”, explica Gil.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.