Un total de 122 adegas e particulares beneficiáronse no 2019 de máis de 1,5 millóns de euros en axudas da Xunta para reestruturar e reconverter as viñas galegas

O DOG publica hoxe a resolución que dá publicidade aos beneficiarios das achegas convocadas pola Consellería do Medio Rural
Publicado por o día 08/02/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

Un total de 122 adegas e particulares beneficiáronse no 2019 de máis de 1,5 millóns de euros en axudas da Xunta para reestruturar e reconverter as viñas galegas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas as axudas concedidas na convocatoria de 2019 ao abeiro dos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. En total outorgáronse algo máis de 1,5 millóns de euros a 122 bodegas e adegueiros particulares.

O obxectivo destas achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os seus sistemas de produción e reducir a pegada ambiental do sector. Así, foméntanse as adaptacións de variedades para axustarse ás preferencias dos consumidores ou para preservar as viníferas autóctonas galegas, cunha calidade diferenciada que ofrece unha vantaxe no mercado. Tamén se procura o aumento da profesionalización dos viticultores galegos ao tempo que se potencia a remuda xeracional facilitando o acceso dos mozos e mozas ás explotacións.

Estas axudas benefician as persoas con viñedos que se destinan á produción de uva para vinificación, rebaixándose o ano pasado a superficie máxima subvencionable a 10 hectáreas por viticultor. Estas achegas aplícanse ás superficies onde se levan a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.