Unha aposta pola formación integral do alumnado a través de bolsas de mobilidade para a realización de actividades

Dirixida a estudantado de grao e mestrado
Publicado por o día 28/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha aposta pola formación integral do alumnado a través de bolsas de mobilidade para a realización de actividades

Ata o 24 de xuño poderá presentar as súas solicitudes o alumnado de grao e mestrado da Universidade de Vigo que queira optar a unha das bolsas de mobilidade para a realización de actividades de carácter formativo no curso 2018/2019 que convoca, por primeira vez, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Coa finalidade de fomentar a participación do estudantado en proxectos e eventos de carácter cultural, científico, de especialización ou perfeccionamento, que complementen a súa formación, a convocatoria establece tres modalidades: axudas para a realización de viaxes de interese académico, que ofrecen a posibilidade de visitar instalacións, institucións ou localizacións que lle sirvan ao alumnado para adquirir competencias relacionadas co ámbito curricular da súa titulación; axudas para participar en congresos, reunións científicas, cursos (excluídos os de idiomas), seminarios, debates ou outras actividades de interese académico e axudas para a realización de proxectos de interese académico, de divulgación, de carácter científico ou cultural.

“Estas axudas están pensadas para fomentar a participación nestas actividades e favorecer a formación integral do noso estudantado, que é un dos fins da Universidade”, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que destaca a diversidade e cantidade, dentro e fóra das institucións académicas, de actividades, eventos, proxectos e xornadas de todo tipo e en todos os ámbitos, que son de grande interese, non só académico, senón tamén profesional e persoal, pero que nas que en moitas ocasións, por motivos económicos, a participación do alumnado é baixa.

Un complemento perfecto á formación regrada

O alumnado matriculado este curso nunha titulación de grao ou mestrado, nun mínimo de 45 créditos ou do máximo que lle permita a normativa da Universidade, que presente unha proposta de actividade das descritas na convocatoria, realizada ao longo do curso, poderá solicitar as bolsas, que contan cun orzamento de 30.000 euros. Adxudicaranse 10.000 euros por cada unha das tres modalidades das bolsas, cuxa contía individual non poderá superar os 500 euros.

Caparrini considera que estas axudas sufragan un tipo de actividades “que son un complemento perfecto á formación regrada do noso alumnado e nalgúns casos é un xeito de poñer en práctica os concepto teóricos aprendidos e afondar en determinados aspectos ou de adquirir novos coñecementos relacionados cos seus intereses”. Así mesmo, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria incide na importancia das actividades extracurriculares como unha oportunidade para adquirir as competencias transversais tan demandadas hoxe polas e polos empregradores, así como un xeito de establecer relacións persoais e/ou profesionais con persoas cos mesmos intereses”, explica Caparrini.