Unha fin de semana de festa para os máis cativos no festival sostible The Wild

O Payaso Popín, Cé Orquestra Pantasma, Magia en la Manga ou Territorio Comanche realizarán actividades variadas para os rapaces e rapazas que acudan ao festival.
Publicado por o día 27/08/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Unha fin de semana de festa para os máis cativos no festival sostible The Wild

O festival multidisciplinar e sostible The Wild levará a cabo diversas actividades infantís. Deste xeito, o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia os nenos e nenas poderán gozar coas actuacións do Payaso Popín e Cé Orquestra Pantasma, pero tamén de espectáculos de maxia ou verdadeiras aventuras de orientación e busca de tesouros en plena natureza.

Ademais, neste ano tan atípico, marcado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus, intensificaranse as medidas de seguridade e hixiene co fin de desfrutar do certame nun espazo seguro para todos os participantes, profesionais e familias. Así, redúcese o aforo en máis dun 90%, haberá zonas de desinfección con xel hidroalcohólico e medirase a temperatura no acceso ao festival. Doutra banda, o uso de máscaras para moverse polo recinto será obrigatoria a partir dos seis anos, haberá persoal cualificado comprobando que se cumpren as medidas, un sentido de circulación único e as actividades terán lugar en zonas diversificadas e separadas para manter a distancia de seguridade.

ACTIVIDADES INFANTÍS

Ao longo da fin de semana do 5 e 6 de setembro, The Wild desenrolará unha morea de actividades para os máis cativos.

O pistoletazo de saída será o sábado 5 ás 10.00 da mañá, momento no que dará comezo a Orientaventura, organizada por Territorio Comanche, un evento por equipos -de dous a cinco persoas- dirixido a todos os públicos no que poderán participar tamén os pequenos da casa. Nel, deberanse superar diversas probas e retos ao mesmo tempo que terán que orientarse coa axuda dun mapa e atopar diversos puntos de control.

Xa ás 17.00 e coma colofón final do día, chegará a quenda do Payaso Popín e Cé Orquestra Pantasma, quen farán gozar aos cativos con actuacións nas que non pararán de rir.

O domingo 6 de setembro tamén haberá actividades destinadas aos rapaces. Así, ás 12.00 realizarase unha apaixonante e enérxica procura do tesouro, organizada por Territorio Comanche e, a partir das 16.30, tocará unha boa dose de maxia da man de Magia en la Manga, así coma estupendos contacontos que os nenos -e maiores- desfrutarán.

PREZOS

Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, poderanse adquirir as entradas a través da web de The Wild, onde tamén aparecen todos os prezos de entrada e actividades. 

A modo xeral, o sábado 5 de setembro a entrada ao festival custará 10 euros. E, se se quere acampar, o prezo será de 13 euros. O domingo a entrada será de balde.

Doutra banda, na Orientaventura o prezo sitúase entre os 15 e os 20 euros, xa que varía en función da idade dos participantes, e tamén inclúe o acceso ao festival.

THE WILD FEST

Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.

Na vindeira edición, The Wild, que  se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.