Recoñecer o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. Esta é a finalidade coa que a Universidade de Vigo e o seu Consello Social convocan por primeira vez os Premios Consello Social_UVigoHumana, “unha convocatoria aberta e plural, unha proposta nova no Sistema Universitario de Galicia para reforzar a función social da universidade pública e que está tamén en liña cos novos plans de internacionalización e de responsabilidade social, nos que estamos a traballar”, explica Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.
Ata o 3 de outubro, membros da comunidade universitaria; institucións públicas; entidades educativas, culturais e sociais; organizacións non gobernamentais; persoas e institucións de recoñecido prestixio e outras persoas ou representantes de entidades invitadas pola organización poderán presentar candidaturas á primeira edición dos dous premios convocados, un no ámbito galego e outro no internacional. “Nesta época de planicies vitais, a universidade debe converterse nun sentimento vertical dentro da sociedade, e nunha inxección de valores especialmente saudables para a convivencia, o coñecemento ético, para a igualdade e para a cooperación solidaria”, asegura Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que reitera a intención destes órganos colexiados de entrar de cheo nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que impulsa a ONU no marco da Axenda 2030.
A concesión dos premios realizarase por unanimidade dos membros da comisión de valoración nomeada a tal efecto, presidida polo reitor, ou persoa en quen delegue, e sete vogais, que emitirán ao seu veredicto, despois que a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación valore, previamente, a idoneidade das candidaturas recibidas en función da súa traxectoria. “Animamos á xente a que axude a recoñecer o traballo dos axentes solidarios, porque as boas persoas e as boas ideas hai que nomealas e recoñecelas para que se convertan en boas prácticas que outros repliquen”, sinala Doval, que reitera que as universidades non son unicamente lugares de ensino e investigación, senón tamén de vida e convivencia, aprendizaxe informal e encontro cos demais, “é por iso que deben abrirse dun xeito máis amplo ao territorio que ocupan, apelando a súa responsabilidade social”.
Un xeito máis de impulsar unha maior visibilidade da imaxe da UVigo
O presidente do Consello Social considera que non existe outra institución tan capaz de abrir camiños para reducir as desigualdades, resolver problemas reais, crear espazos para a reflexión e a creatividade e pechar simas morais, como a universidade. “Queremos contribuír a forxar unha universidade próxima, eficiente, formativa e educadora en sentido amplo, que sexa en si mesma unha testemuña dos tempos. E este parécenos un camiño axeitado para dar resposta a todas estas inquedanzas”, detalla Pedrosa, que sinala que os proxectos que se poidan promover desde os consellos sociais, como este premio, axudarán a integrar e madurar o compromiso universitario cos ODS. Pola súa banda, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación agradece o entusiasmo co que Consello Social acolleu esta proposta, “boa mostra do seu compromiso coa sociedade”, asegura Doval.
Os premios están dotados dun diploma acreditativo e un agasallo institucional, pero non teñen unha dotación en metálico “porque entendemos que non é misión da UVigo ofrecer gratificacións económicas a persoas ou entidades externas á institución. En calquera caso, o que si queremos ser é panca tractora para que outras entidades e empresas fagan achegas económicas ou de calquera outro tipo ás e aos premiados”, anima a vicerreitora.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.