A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave

Os exames que a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca hoxe no DOG permiten o acceso aos cursos formativos de certificados de profesionalidade
Publicado por o día 26/02/2018 na sección de Eventos

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este ano das probas de avaliación en competencia clave, que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas probas de avaliación permiten aos beneficiarios que non teñan un nivel determinado de formación acreditada acceder a aqueles cursos de formación vinculados a certificados de profesionalidade. Estes exames, polo tanto, diríxense ás persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO para o nivel 2 ou Bacharelato para o 3) requiridos para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade, co fin de que a través destas probas podan demostrar que posúen os coñecementos e capacidades básicas que lles permitan acceder e cursar con aproveitamento esta formación para o emprego.

Os interesados en realizar estas probas- de matemáticas, lingua castelá, inglés e galego- poderán presentar a súa solicitude ata o próximo 23 de marzo. Os exames terán lugar o 12 de maio no Recinto Feiral de Silleda.

O modelo de solicitude estará dispoñible na guía de procedementos de servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. A Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón, ademais, dun enderezo específico onde se pode atopar toda a información e documentación necesaria, sobre este procedemento: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave.

A participación nas probas realizadas en 2017, tanto para o nivel 2 como o 3, aumentou con respecto a 2016 en preto dun 40% e a media da porcentaxe de aptos chegou ao 70%. A porcentaxe de aptos no nivel 2 foi do 75% e no 3 do 64%.

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. A iniciativa busca fomentar a calidade da formación profesional para o emprego mellorando o perfil profesional das persoas e motivándoas para progresar no eido do emprego e na formación co obxectivo último de acadar a inserción no mercado de traballo. Entre 2009 e 2017 solicitaron participar nestas probas máis de 28.800 persoas.