A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas do programa Aprol Economía Social para apoiar o emprendemento colectivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases desta convocatoria, dotada con 1,8 millóns, para fomentar o emprego, apoiando a incorporación de novos socios con axudas que poden alcanzar os 67.500 euros por entidade
Publicado por o día 28/01/2018 na sección de Economía

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas do programa Aprol Economía Social para apoiar o emprendemento colectivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de convocar as bases da convocatoria de axudas do programa Aprol Economía Social no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano 1,8 millóns de euros para apoiar o emprendemento colectivo.

Incentívase dun lado, ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen a novos socios con axudas de ata 15.000 euros por cada persoa incorporada, sendo o máximo por entidade de 67.500 euros. Doutra banda, apóiase ás persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos que máis o necesitan, para que se incorporen ás cooperativas e sociedades laborais, financiando a achega ao capital social obrigatorio e cotas de ingreso con ata 15.000 euros. A estas axudas tamén poden acollerse as persoas que inician unha actividade por conta propia e se incorporan a unha cooperativa para a comercialización ou obtención de servizos.

A Xunta prevé beneficiar con estas axudas a 150 persoas sen emprego que atoparán un traballo a través dunha cooperativa ou sociedade laboral e a 50 entidades que amplíen o número de socios.

Este programa inclúe novidades con respecto ao ano pasado: amplíase o prazo de solicitude dos apoios, ata o 1 de outubro (o pasado ano o prazo foi dun mes); e as axudas aumentarán nun 25% para os maiores de 45 anos e para os emigrantes retornados.

Esta actuación contribúe a impulsar a economía social e a súa competitividade e a fomentar o autoemprego en Galicia, un dos retos principais da Axenda 20, coa que o Goberno autonómico está impulsando o emprego estable na Comunidade. A iniciativa forma parte tamén da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, a través da que en 2018 se investirán máis de 17 millóns de euros para impulsar a economía social, o que supón un 6,4% máis que este ano. Outras axudas que sairán publicadas no DOG proximamente serán os apoios para as entidades da Rede Eusumo, con 1,25 millóns, para seguir promovendo a realización de actividades de fomento deste sector; e apoios para as entidades asociativas (asociacións de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral) con 290.000 euros.

Ademais, a Xunta para este sector conta cun fondo de XesGalicia dotado con 5 millóns para financiar novos proxectos neste ámbito.

En xeral, estes programas enmárcanse no labor de fomento e promoción que vén realizando a Xunta no eido da economía social con diversas ferramentas como a Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social de Galicia, que aprobou o Goberno galego para poñer en valor a este sector impulsando un modelo de desenvolvemento económico, social, equilibrado e sustentable.