Youtubeir@s repartirá este ano 7500 euros en premios

Establécense 12 premios: tres principais de 1000 euros cada un e nove de 500 euros
Publicado por o día 24/04/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Youtubeir@s repartirá este ano 7500 euros en premios

Youtubeir@s chega este ano con máis forza que nunca: tres novos galardóns e mil euros máis en premios. Esta semana déronse a coñecer as bases da cuarta edición dun certame ao que se poden presentar todo tipo de vídeos en galego publicados desde o pasado 27 de setembro. Nestas bases establécense novas categorías e con elas increméntase tamén a dotación económica da iniciativa, se ben se mantén inalterable o seu espírito: animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e sumar visibilidade á produción en galego e á comunidade youtubeira.

Mellor canle, mellor youtubeir@, mellor vídeo…

Os 12 premios desta edición recoñecerán a mellor canle, o/a mellor youtubeir@ e o mellor vídeo cunha contía de 1.000 euros cada un; e tamén contará con nove categorías menores nas que premiarase, con 500 euros en cada unha, a calidade lingüística, o impacto, a calidade técnica, a comunicación, a creatividade, a música, a didáctica, o carácter pioneiro e o apoio do público, desaparecendo neste caso as xa tradicionais de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos.

Todos os vídeos inscritos teñen que estar publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos Youtube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición do vídeo. No caso de presentar unha canle, esta ten que conter cando menos cinco vídeos, non ter restricións de privacidade e estar maioritariamente en galego. Os vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas e, tanto no caso dos vídeos como no das canles, fican expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Do 27 de maio ao 23 de outubro

O prazo para inscribir os vídeos e canles nos Premios Youtubeir@s é do 27 de maio ao 23 de outubro, ambas datas incluídas. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde, podendo cada creador inscribir tantos vídeos ou canles como desexe. As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal

En 2019 presentáronse máis de 250 vídeos

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, xunto coa Deputación da Coruña.
En 2019 rexistráronse no concurso un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o que se traduciu en máis de 1000 minutos creados en galego. Ademais, constatouse un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta terceira edición. Destacar que o 43 % dos vídeos participantes estaban asinados por persoas de entre 18 e 30 anos, mentres que un 33 % pertencían a autoras e autores de entre 30 e 50. Os maiores de 50 anos representaron o 12 % da concorrencia, mentres que os youtubeiros e youtubeiras menores de 18 significaron o 10 % do total. Por municipios, os datos reflicten que San Sadurniño, con 41 vídeos participantes, A Coruña con 39, Santiago con 36 e Rianxo con 25 foron os concellos que máis vídeos achegaron.