A administración autonómica cifra en preto de 426.000 euros as axudas da Xunta a federacións e asociacións de comerciantes da área viguesa

A delegada territorial en Vigo aproveitou unha visita ao Mercado das Travesas para pór en valor as distintas liñas de axudas encamiñadas a seguir impulsando a modernización e a competitividade do comercio de proximidade vigués
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A administración autonómica cifra en preto de 426.000 euros as axudas da Xunta a federacións e asociacións de comerciantes da área viguesa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe dos programas impulsados pola Administración autonómica enfocados a reforzar a competitividade do comercio local no actual contexto económico e de crise sanitaria. Así o fixo durante unha visita ao Mercado das Travesas acompañada polo xerente da Asociación da Ferderación de Mercados da Comarca de Vigo, Edelmiro Hermida.

Segundo detallou, a Xunta concedeu axudas por preto de 426.000 euros a 21 asociacións e federacións da área de Vigo no marco dos apoios dirixidos ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

Xa en termos xerais, cifrou en máis dun millón de euros os apoios da Xunta ao comercio local na área territorial de Vigo a través dos programas específicos para o sector como as axudas para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesanal; as destinadas para actuacións en materia de Ecoinnovación; ou as dirixidas ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

Ademais a todos estes apoios específicos hai que sumarlles os programas para pemes e autónomos impulsados polo Igape dos que tamén se beneficia o sector, como os cheques e as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o Galicia Exporta Dixital.

Neste sentido, a representante autonómica volveu a pór en valor o apoio da Xunta aos plans de expansión dixital das 57 pemes e microempresas da comarca viguesa que se beneficiaron na actual convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, a nova liña de axudas reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.

Tras incidir en que o Goberno galego reforzou e adecuou o programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico, Fernández-Tapias cifrou en preto de 1,9 millóns de euros as axudas achegadas ás empresas da área de Vigo a través das dúas convocatorias do Galicia Exporta Dixital.

Respecto ao cheque dixital, a representante autonómica informou de que neste caso resultaron beneficiaras un total de 414 empresas da área territorial de Vigo por un importe superior a 1,7 millóns de euros.