A Consellería de Educación reforzará os centros educativos con 543 docentes de apoio para o desenvolvemento da iniciativa ARCO

Hoxe publícase a convocatoria, así como a de Contratos-programa
Publicado por o día 01/08/2020 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reforzará o persoal dos centros educativos con 543 docentes de apoio (221 para Primaria e 322 para ESO) contratados a media xornada para o desenvolvemento da iniciativa de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO), que contará cun orzamento de 10,5 millóns de euros para o curso 2020/2021.

O departamento educativo da Xunta de Galicia publica hoxe esta convocatoria, cuxo prazo de presentación estará aberto desde o 7 de setembro ata o 25 do mesmo mes, así como a de Contratos-Programa, que se poderán solicitar desde o 15 de setembro ata o 6 de outubro.

Cambios metodolóxicos

A iniciativa ARCO, que pode ser complementaria cos contratos-programa, é un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan organizar os recursos de forma que se facilite ao alumnado o logro dos obxectivos e a consecución das competencias clave, cun enfoque globalizado e interdisciplinar por medio de continuos procesos de mellora favorecendo o máximo desenvolvemento das capacidades, a formación integral e a igualdade de oportunidades.

Por primeira vez, e en resposta ás necesidades de reforzo derivadas da suspensión das clases presenciais nos últimos meses do curso que vén de rematar, o profesorado contratado ao abeiro desta iniciativa incorporarase no primeiro trimestre (víñao facendo no segundo) e permanecerá igualmente ata final de curso.

As accións de ARCO van dirixidas a apoiar o alumnado para a mellora do rendemento académico, implicando ao grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado. Ademais, este ano como novidade buscarase desenvolver modelos curriculares máis competenciais, interdisciplinares e participativos, así como impulsar a aplicación de cambios organizativos e metodolóxicos que permitan o seguimento personalizado das súas competencias.

Este programa, dirixido aos centros públicos, consta de 3 liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de garantir a máxima inclusión favorecendo a participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado. A liña 1 inclúe por primeira vez este ano ao alumnado de 4º de Primaria, ademais de ao de 5º e 6º desta mesma etapa, a 2 ao de 1º de ESO e a 3 ao alumnado de 4º de ESO.

Todas as liñas desenvolveranse dentro do horario lectivo e mediante apoios a través do uso de metodoloxías activas e participativas, así como a aplicación de medidas organizativas ao alumnado obxecto da liña.

Para a selección dos centros participantes téñense en conta criterios como as porcentaxes de alumnado que promocionou con algunha área non superada, con necesidades específicas de apoio educativo e repetidor ou os centros que contaron o curso pasado cun grupo de PMAR en 3º de ESO, entre outros. Os centros de secundaria poden participar á vez na liña 2 e 3.

No curso 2019/2020 participaron na Iniciativa ARCO un total de 142 centros de ensino de toda Galicia, que contaron co apoio de 162 profesionais, entre profesorado de primaria e secundaria e especialistas en pedagoxía terapéutica. Para o vindeiro curso esperase chegar a máis de 500 centros docentes.

Novas liñas dos Contratos-Programa

A incorporación na convocatoria 2020/21 de dúas novas actuacións centradas nos ámbitos da actividade física e da xestión emocional que se suman ás incorporadas no curso 2019/20 referentes aos eixes de Igualdade, Convivencia e Inclusión dan mostra do compromiso da administración educativa por ofrecer aos centros educativos oportunidades e recursos para desenvolver os seus proxectos, e seguir afondando na procura de estratexias para cambiar dinámicas e adoptar enfoques metodolóxicos novidosos en horario lectivo.

O desenvolvemento dos Contratos-Programa dará comezo no 1º trimestre do curso. A Consellería de Educación poderá asignar recursos económicos para gastos de funcionamento das distintas modalidades, segundo a dispoñibilidade orzamentaria. Ademais, asignarase unha persoa orientadora aos 20 centros que se lles asignou este persoal en xaneiro 2020 a través da modalidade INCLÚE-T.

Poderán participar nesta convocatoria todos os centros públicos que imparten educación especial, infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP. Para poder participar deben elaborar un plan para a mellora do éxito escolar do alumnado, sobre unha ou varias das 9 liñas de actuación establecidas na convocatoria. Todo o procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/. A persoa responsable da dirección do centro será quen terá o permiso de creación da solicitude.

Para o curso 2020/21 os Contratos-Programa estrutúrase en 9 modalidades de actuación en horario lectivo. As dúas novas serán a número 6, EDUEMOCIONA e a número 9, Promoción da Actividade Física.

No marco de EDUEMOCIONA desenvolveranse accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa que redunde no benestar emocional persoal-social e na súa calidade de vida, así como para o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima e a empatía, a mellora das habilidades comunicativas, o incremento do autocontrol emocional, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias.

No caso da liña 9, Promoción da Actividade Física consistirá nun conxunto de medidas organizativas, metodolóxicas ou de actividades deseñadas para o incremento da actividade física efectiva do alumnado durante o horario lectivo, implantando estratexias e metodoloxías de aprendizaxe que permitan a convivencia desta práctica co desenvolvemento normal das sesións lectivas. Poderán participar nela todos os centros obxecto da convocatoria agás os CIFP.

Restantes liñas

As 7 restantes liñas dos Contratos-Programa xa se desenvolveron no curso 2019/2020 e vólvense convocar polo seu éxito de funcionamento.

A liña 1, Mellora das competencias clave, incorporará aquelas medidas que incidan na mellora da competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia en comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro, co fin de mellorar os resultados e elevar os niveis de éxito escolar. As medidas incluídas nesta actuación serán desenvolvidas polo profesorado do centro dentro do horario lectivo. O alumnado destinatario é todo o de Primaria, ESO e FP Básica.

Na liña 2, Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, desenvolveranse medidas específicas nos centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán e absentismo co fin de reducilas. Deste xeito, búscase diminuír o abandono e aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio, potenciando a motivación do alumnado e identificando as dificultades que presente en relación co seu estilo de aprendizaxe. Vai dirixida a alumnado con perfil absentista ou con outras circunstancias que constitúan situacións de especial vulnerabilidade, e que conte con menor motivación e capacidade para aprender.

Ao abeiro da liña 3, IGUÁLA-T, desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes. Poderán participar nela todos os centros aos que se dirixe a convocatoria.

Na liña 4, CON-VIVE, desenvolveranse medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa, actuacións preventivas de condutas. O obxectivo é identificar as incidencias relacionadas coa convivencia no seo da comunidade educativa e promover a súa solución. Poderán participar nela todos os centros aos que se dirixe a convocatoria.

A través liña 5, INCLÚE-T, desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas á atención á diversidade, á inclusión educativa e social de todo o alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo, á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes vencelladas á diversidade que pon de manifesto a pluralidade do alumnado.

Entre os seus obxectivos están favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, o retornado ou que está en risco de exclusión social e promover medidas que fomenten a inclusión, desenvolvendo estratexias referidas á inclusión e a equidade educativa. Poderán participar nela todos os centros aos que se dirixe a convocatoria.

A liña 7 continúa estando dirixida á Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, que trata de dar resposta ao alumnado con maior motivación para aprender, á vez que supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado, co fin de incrementar a excelencia. Estas medidas traduciranse na planificación de diferentes obradoiros nos que ao longo do curso se traballará de forma cooperativa nun proxecto, ou en iniciativas como as semanas culturais ou científicas, a participación en programas educativos externos ao centro e, en xeral, o traballo por proxectos. Poderán participar nela todos os centros aos que se dirixe a convocatoria que desexen promover a excelencia e que conten con alumnado escolarizado que presenta unha destacada motivación para aprender.

Tamén se volve convocar, ao igual que o curso anterior, a liña 8, de Mellora da calidade na xestión dos centros, que consistirá nun conxunto de medidas ou actividades para mellorar a xestión dos centros docentes baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles. O obxectivo é promover a mellora da calidade da educación por medio da mellora da calidade na xestión administrativa, desenvolver un modelo de xestión que permita estandarizar procedementos comúns dos centros e implantar un sistema de xestión de calidade de cara á súa certificación. Poderán participar nela todos os centros obxecto da convocatoria agás os CIFP.

No curso 2019/2020 participaron nos contratos-programa un total 635 centros, que desenvolveron 2.326 accións nalgunha das 9 liñas de actuación coa implicación de 520 profesores e profesoras. O orzamento destinado ascendeu a máis de 5,2 millóns de euros.