A Consellería do Mar reformula ‘Vai de Peixe’ para adaptar a campaña á actualidade derivada da situación provocada polo coronavirus

Neste mes e en xuño desenvolverá, coa colaboración dos catro ‘influencers’ da iniciativa, accións como charlas, concursos, retos e sorteos adaptados á situación en vigor
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de Mar,Coronavirus,Xunta de Galicia

A campaña Vai de Peixe, de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, reformúlase e adáptase ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. Este cambio supón a programación de actividades novas e vinculadas coa difusión do mar e o consumo dos seus produtos, entre elas, charlas en directo en Instagram, concursos, retos e sorteos que contarán coa colaboración dos catro influencers da iniciativa e adaptados ao contexto actual marcado pola COVID-19.

Estas novas accións que se realizarán ao longo deste mes e en xuño, difundiranse fundamentalmente no perfil de Instagram desta iniciativa e na súa páxina web e nelas animarase á participación das persoas cunha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos. Farase fincapé de xeito ameno en aspectos como a importancia de manter unha alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos nesta época.

Algunhas delas estarán protagonizadas polos catro influencers e prescriptores e dinamizadores da campaña, que son a atleta olímpica Ana Peleteiro, a presentadora Eva Iglesias e os youtubers Percebes y Grelos e Coque Macho e iranse difundindo progresivamente a través da web, o perfil de Instagram, o Facebook e o canal de Youtube de Vai de peixe.

Así, entre as actividades contempladas para estes dous meses están sesións en directo de preguntas e respostas no Instagram con Ana Peleteiro, sobre a súa rutina actual de alimentación, na que teñen moita presenza os produtos da pesca e da acuicultura, e sobre como adestra desde a casa con consellos para unha boa práctica deportiva nesta época.

Tamén se realizarán algúns directos de Instagram nos que participarán algúns influencers de Vai de peixe, que charlarán entre eles e nos que estarán presentes dalgún xeito os produtos do mar. Un deles contará coa colaboración da cantante e compositora galega Sabela Ramil. Ademais está prevista a organización de concursos, entre eles un vencellado co Día das Letras Galegas, e outros con fotografía nos que o fío condutor será o eido do mar e os produtos da pesca e da acuicultura e algún reto relacionado coa música e o ámbito marítimo-pesqueiro.

Deste xeito, Vai de peixe recíclase para continuar animando á xuventude no actual contexto a consumir produtos da pesca e da acuicultura promovendo as súas propiedades nutricionais e amosándolle a versatilidade gastronómica destes produtos cos que en pouco tempo se pode conseguir un prato ou aperitivo saboroso con peixe e marisco como protagonista. Ao mesmo tempo anima aos millennials a dar renda solta á súa creatividade desde a súa casa promovendo o consumo de peixe e os coñecementos ligados ao mar.

Vai de peixe

A campaña Vai de peixe é unha iniciativa da Xunta destinada a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura de Galicia na franxa de idade que vai dos 18 aos 35 anos, a coñecida como xeración millennial. Mediante unha estratexia baseada na promoción dixital a través da web https://vaidepeixe.xunta.gal/ e redes sociais (Instagram, canle de Youtube e Facebook), Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco entre a xente nova, para concienciar da importancia dunha dieta equilibrada. A campaña tamén realiza accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.