A crise da COVID-19, a través da arqueoloxía dos sentidos

As persoas interesadas poden participar a través dunha enquisa
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de Coronavirus,Universidade de Vigo

A crise da COVID-19, a través da arqueoloxía dos sentidos

A situación provocada pola pandemia da COVID-19 non foi nin é vivida de xeito igual pola cidadanía. Algúns, explican Lucía Rodríguez e Juan Manuel Galiña, estudantes do Máster de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da UVigo e a USC, “viviron a crise a través das pantallas, experimentando o conflito como sensorialmente hixienizado, namentres que outros viviron a realidade sensorial en primeira liña, na rúa”. Co obxectivo de afondar nestas experiencias e analizar desde a chamada arqueoloxía dos sentidos a situación, estes dous egresados da Facultade de Historia do campus de Ourense están a desenvolver o proxecto O sexto sentido COVID-19.

A idea, indican os seus promotores, xurdiu durante unha clase virtual da materia de Arqueoloxía Pública do mestrado que realizan. “Estabamos a falar das dificultades que tiñamos para facer un traballo para a materia pola situación que estabamos a vivir de illamento social, que nos provocaba tristeza e falta de motivación. Entón xurdiu a pregunta: que diferentes experiencias sensoriais e afectivas teñen as persoas ante esta situación?”, sinalan Lucía Rodríguez e Juan Manuel Galiña. A esta pregunta, engaden, uniuse a reflexión arredor do paradigma de Yannis Hamilakis da “arqueoloxía dos sentidos”, que propón “unha nova perspectiva a través da arqueoloxía” no que se “busca profundar na experiencia sensorial humana ao longo da historia e as distintas condicións sensoriais en cada contexto histórico”. A elección deste enfoque, detallan os investigadores, fixérono “para analizar as diferentes experiencias sensoriais en distintos contextos sociais e facer unha reflexión de carácter colectivo sobre o acontecido”.

Non se trata, engaden Lucía Rodríguez e Juan Manuel Galiña, “só de destacar as sensacións e a afectividade actuais, senón como quedarán incorporados na memoria social, entendendo a memoria como a interacción sensorial co mundo material e das experiencias vividas”. “Estamos a vivir un momento histórico particular, onde as persoas interaccionan de forma moi diferente coas cousas e os seus contextos” e o proxecto, engaden, pode ofrecer “unha perspectiva social moi interesante do que está a acontecer”, detallan. Con este traballo, subliñan os estudantes de mestrado, “intentamos, darlle voz a todas esas persoas que ante esta situación tiveron que dar un xiro de 360º ás súas vidas, sen que a súa opinión contase ante esta situación”, apuntando ademais como esta crise “pon de manifesto as grandes diferencias entre clases sociais e como estas conformarán unha memoria social diferente”.

Arqueoloxía pública

Tendo en conta este enfoque, Lucía Rodríguez e Juan Manuel Galiña crearon un cuestionario web, aberto a todas as persoas interesadas, de 17 preguntas co obxectivo fundamental de coñecer as súas experiencias sensoriais e como se senten afectados. As preguntas abranguen desde se consideran que o confinamento, tal e como o están vivindo, é unha medida que xera desigualdade económico-social ata a través de que sentidos perciben maiores sensacións sobre a COVID-19. “Agora que os sentimentos e o como estás? están de moda”, detallan os investigadores, propoñen unha reflexión considerando que “os sentidos de hoxe, son a memoria de mañá”.

Coa enquisa xa en marcha, os estudantes sinalan como “o que empezou sendo un traballo de clase está indo camiño a un proxecto de maior calibre”. Así, subliñan, “estamos sorprendidos coa resposta da xente, xa que en canto compartimos a enquisa comezaron a chegar moitas mensaxes que amosaban o interese e o apoio á nosa iniciativa, semella que a xente estaba desexando, dalgún modo, falar das súas experiencias, de como se senten e como se ven afectados pola situación”. A arqueoloxía, recalcan Lucía Rodríguez e Juan Manuel Galiña, “non só consiste na escavación, a pesar do xeneralizado que estea este pensamento na sociedade e incluso dentro do pensamento académico”. Por iso neste proxecto, apuntan por último, “queremos resaltar que o labor da ou do arqueólogo vai máis alá, establecendo unha estreita relación coa sociedade. Esta é a perspectiva da arqueoloxía pública”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.