A Deputación adxudica 180.000 euros para as bolsas DEPO-DAN e DEPO-PROMESA que recibirán as e os mellores deportistas da provincia

Estes recoñecementos realizaranse na Gala do deporte de elite que se celebrará o día 12 en Pontevedra
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación adxudica 180.000 euros para as bolsas DEPO-DAN e DEPO-PROMESA que recibirán as e os mellores deportistas da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar este luns a adxudicación das bolsas para deportistas de alto nivel e deportistas promesa por un total de 180.600 euros destinados ás e aos 112 deportistas da provincia que teñen recoñecida a categoría DEPO-DAN e ás e aos 71 que son DEPO-PROMESA.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva explicou que “estas axudas van permitir a deportistas da provincia adestrar e preparar os seus obxectivos deportivos coa maior tranquilidade e coa maior dedicación posible”. Tamén apuntou que “serven para apoiar e posibilitar a participación nas competicións internacionais e nacionais e así axudarlles na consecución dos logros que lles permitan acadar a súas futuras metas deportivas”. Silva salientou “o bo estado do deporte pontevedrés, que durante este mes de agosto dounos moitas alegrías” e lembrou que “máis de 30 deportistas do noso programa foron podio mundial nas súas categorías”. Na rolda de prensa, tamén apuntou que a entrega das bolsas DEPO-DAN e DEPO-PROMESA realizarase no decurso da gala que terá lugar o vindeiro xoves 12 de setembro ás 20h en Pontevedra

Neste programa as e os deportistas están divididos en dous grupos, grupo A, para deportistas con recoñecemento de DEPO-DAN, e grupo B, para deportistas DEPO-PROMESA.  Máis polo miúdo, no grupo A hai catro categorías: A1, con 2.000 euros, para deportistas que acrediten un podio nun Campionato do Mundo; A2, con 1.250 euros, para deportistas do 4º posto en adiante no Campionato do Mundo ou podio no Europeo; A3, con 900 €, do 4º posto en adiante nun Campionato de Europa ou podio no Campionato de España, ou A4, 500 €, do 4º posto en adiante no Campionato de España ou podio no Campionato Galego. O mesmo ocorrerá co grupo B, deste xeito as e os do B1 recibirán 1.200 euros; do B2, 800 euros; do B3, 500 euros, e do B4, 300 €.

As bolsas foron concedidas en función dos resultados deportivos acadados nos anos 2017 e 2018. O campionato que se tivo que certificar tiña que ser o ultimo levado a cabo pola federación correspondente, posto que nalgunhas modalidades algunhas probas lévanse a cabo cada 2 anos.