A Deputación de Pontevedra leva a Baiona unha charla sobre o alzhéimer do ciclo Tempo de Saúde

A institución Provincial e o Colexio Oficial de Médicos colaboran para achegar distintos temas de saúde ás persoas maiores e á xuventude
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Baiona,Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación de Pontevedra leva a Baiona unha charla sobre o alzhéimer do ciclo Tempo de Saúde

Baiona acollerá este venres 15 de novembro unha conferencia de Tempo de Saúde, o ciclo de charlas e coloquios sobre saúde que xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada provincial Olga María García, asistirá á charla, que terá lugar na Casa da Navegación, ás 19:00 horas, e nela o doutor Juan José Sánchez Castro abordará o tema do “Alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas”. A conferencia está dirixida ao público de maior idade, pacientes, persoas coidadoras e usuarias das entidades de iniciativa social.

Juan José Sánchez Castro conta cunha gran formación académica posto que é licenciado en Medicina e Cirurxía, diplomado en Sanidade, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, máster en Mercados Financeiros e máster en Valoración de Empresas. Ademais, conta cunha ampla traxectoria profesional como xefe de servizo de atención primaria na Estrada, director xeral de infomercados e servizos financeiros e médico de familia así coma con  varios premios e recoñecementos no seu currículo. A creación dun clima de diálogo co público asistente ao redor de temáticas tan sensibles como son o alzhéimer e as enfermidades neurodexenerativas é un dos puntos clave da conferencia. Do mesmo xeito, Tempo de Saúde tamén busca que todas as persoas que se acheguen ás súas charlas aprendan o máximo posible dos asuntos que tratan.

Este ciclo de conferencias é unha proposta que consiste en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas da terceira idade e outras á xuventude. Este é o segundo ano que se leva a cabo o programa, que arrincou a principios de outubro en Redondela e que nesta ocasión chegará a 22 concellos da provincia. As actividades formativas teñen unha duración dunha hora cada unha e ao finalizar ábrese un debate-coloquio coas persoas asistentes. Ademais, están impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias que traten.

Comentar noticia

Your email address will not be published.