A Deputación de Pontevedra volve a apostar pola visibilización do imprescindible traballo que levan a cabo as mulleres no sector primario, a través dunha nova campaña na que tamén reafirma o seu compromiso co comercio local e os produtos de proximidade cos cancelos #ElixeProdutoLocal e #ElixeIgualdade. O ente provincial ten en conta a igualdade en cada unha das decisións do goberno, sendo un eixo transversal das súas accións. Este compromiso materialízase agora nunha campaña que quere poñerlle rostro e dar voz a todas esas grandes mulleres que traballan no campo, no mar e na horta con produtos que son despois protagonistas das cociñas de miles de fogares e que, pouco a pouco, volven a selo tamén das mesas dos restaurantes con estrela da provincia de Pontevedra.
Así, enmarcada na campaña “Pontevedra Provincia na Túa Cesta“, lanzada en maio, e logo de realizar unha forte aposta polos pequenos e medianos establecementos co lema “Elixe Comercio Local”, chega agora o momento de sacar á palestra a mulleres como Mónica Silva, Teresa Míguez, Pilar Nogueira ou Marta Bugallo que, entre varios milleiros máis, extraen e coidan con mimo os produtos que enchen as nosas cestas e enriquecen a nosa cociña.
Para a Deputación de Pontevedra é necesario poñer en valor a enorme contribución destas mulleres xa que tamén xogan un papel esencial na cadea que fai posible unha das principais sinais de identidade a nivel turístico da nosa provincia: a gastronomía. Fano ademais de maneira artesanal, velando polo futuro dos recursos naturais de Rías Baixas e asegurando unha explotación sostible a máis longo prazo, tal e como promove a institución provincial no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
Estes sectores fundamentais foron duramente afectados pola Covid-19 polo que agora, máis que nunca, é preciso consumir produto local para axudar a mitigar os posibles efectos da crise socio-sanitaria na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Incentivando o consumo de produtos de proximidade e dando visibilidade ás súas artífices, a Deputación de Pontevedra está axudando ao turismo, ao comercio e a hostalaría da provincia, todos eles sectores fortemente feminizados.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.