Unha senda peonil de dous quilómetros de lonxitude entre os núcleos de Parada e Cuñas converteu á estrada provincial EP-0206 nun espazo de lecer para toda a veciñanza de Ponte Caldelas, completando un itinerario peonil que comeza no propio centro urbano da vila termal e permite acceder a unha paraxe no val do río Verdugo con varias rutas de sendeirismo e espazos naturais. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Andrés Díaz, visitaron hoxe a mellora xunto co deputado de Cooperación, Santos Héctor.
As obras, practicamente rematadas, contaron cun orzamento de 226.000 euros e permitiron, ademais da execución do espazo peonil, o calmado de tráfico na estrada provincial gracias á instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores, limitando así a velocidade a 30 Km/h. Completáronse coa execución dunha calzada en plataforma única ao paso polo lugar de Parada, dando así preferencia aos peóns, e, finalmente, coa dotación de nova iluminación led e drenaxe de augas pluviais en todo o ámbito.
A visita da presidenta da Deputación comezou na Casa do Concello, onde o alcalde presentoulle os dous proxectos de humanización das avenidas de Galicia (a rúa presidida pola Casa do Concello) e de Vigo (rúa do Balneario), que o Concello se apresta a humanizar cun investimento total de 727.000 euros tras tres acadado dúas subvencións europeas de fondos Feder, en concorrencia competitiva con concellos de toda España, a través da convocatoria do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE). A Deputación, por medio do Plan Concellos, colaborará achegando o 20% do orzamento. Estas dúas obras, explicou o alcalde, suporán un antes e un despois para a trama urbana de Ponte Caldelas, continuando a estela da reforma da praza de España, financiada o mandato pasado pola Deputación.
Carmela Silva amosouse orgullosa de comprobar os avances “deste Goberno transformador, que está a cambiar Ponte Caldelas, como nunca na súa historia, e que ten moi claras as súas liñas de actuación, que se corresponden totalmente co modelo transformador que a Deputación quere para tódolos concellos da provincia”. A presidenta destacou que “nun momento tan complicado como o que vivimos” Ponte Caldelas está incrementando poboación dende o rural e logrando que se presenten licenzas de obra. “Transformar os pobos é atraer economía”, concluíu.
“Recursos propios, da Deputación e cero euros da Xunta”
Silva, que anunciou que estase a traballar en “novos proxectos” para a provincia con fondos europeos e provinciais, puxo en valor que Ponte Caldelas, un pequeno concello rural, fóra quen de concorrer directamente a convocatorias europeas, un fito que contrasta, engadiu, co xeito de financiar outras realidades municipais próximas. “Ponte Caldelas é quen de transformar o seu pobo con recursos propios, da Unión Europea e da Deputación e con cero euros da Xunta de Galicia”. Por este motivo, pronunciouse en defensa dun reparto xusto dos fondos autonómicos. “Fago un chamamento para que a Xunta atenda a tódolos concellos da provincia, sexa cal sexa a cor dos seus gobernos, e fágoo, particularmente, dende Ponte Caldelas”. “Os precedentes de falta de igualdade e de equidade con este concello, comparativamente con outros da contorna, se acumulan e son claros, sangrantes e intolerables”. Por este motivo, reclamou da Administración autonómica “que tome nota”.
O alcalde, Andrés Díaz, agradeceu o apoio da Deputación para que a senda de Parada “que xa é un gran éxito” se convertera en realidade. Díaz subliñou que estes dous Km son tan unha primeira fase dunha obra que continuará ao longo da estrada provincial: “se non é posible este mandato farémolo o antes posible”. Finalmente, deixou ben claro que o compromiso estable da Deputación a prol do financiamento municipal é clave para o municipalismo de toda a provincia:
“Sen a axuda da Deputación sería completamente imposible traballar polo noso pobo e a nosa veciñanza como estamos a facer”, afirmou.
A nova senda peonil de Parada dispón, ao longo dos seus dous quilómetros de trazado, dun ancho regular de 2,50 metros e constitúe non só unha nova proposta de lecer, senón unha alternativa de mobilidade peonil ata o propio centro de Ponte Caldelas, ao dar continuidade ás beirarrúas do lugar de Cuñas nas beiras da estrada autonómica. As obras incluíron, ademais dos pasos sobreelevados e elementos redutores, sinalización vertical e horizontal e unha nova rede de augas pluviais, así como a mellora da iluminación. O paso polo lugar de Parada, no PQ 1+450, un espazo de maior presión edificatoria e onde se produce un estreitamento, está resolto con plataforma única para resaltar a preferencia peonil e a seguridade viaria.
Durante a visita o alcalde explicou tamén as obras que se van realizar cos fondos europeos e da Deputación na avenida de Galicia. O elemento máis singular do proxecto é a execución dunha “alfombra de pedra” en formato de plataforma única na fronte do edificio consistorial, dando tamén preferencia peonil neste tramo. A obra, baseada en redistribuír o tráfico, deixando un carril único permite tamén redistribuír as prazas de aparcamento, suprimir tódalas barreiras arquitectónicas, crear unha pequena zona verde e poñer en valor elementos como as escaleiras da troita ou a igrexa do Sagrado Corazón.
En canto ás obras da avenida de Vigo, na contorna do Balneario, onde o Concello proxecta a recuperación desta dotación turística, acometerase un ambicioso proxecto para embelecer todo o espazo, reducir a circulación a un só carril, reordenar os aparcamentos e poñer en valor toda esta marxe do río Verdugo. As obras inclúen tamén melloras nas redes de saneamento, pluviais e auga, así como mobiliario urbano e revexetación e axardinamento xeral.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.