A deputación eliminará mañá de urxencia un dos chopos do exterior do Museo por perigo de caída

Persoal técnico de Areeiro realizará o traballo dende primeira hora na zona peonil entre os Arcos de San Bartolomeu e Pai Amoedo cun camión con cesta elevadora
Publicado por o día 21/08/2019 na sección de Pontevedra,Galicia

A Deputación de Pontevedra eliminará mañá por vía de máxima urxencia un dos chopos situados na zona peonil situada entre os Arcos de San Bartolomeu e Pai Amoedo, entre os edificios Sarmiento e Sexto do Museo de Pontevedra. A actuación débese realizar de maneira inminente debido a que a árbore está completamente seca e é preciso evitar o perigo dunha caída dalgunha póla xerando danos persoais e materiais.

A retirada da árbore vén indicada tras unha inspección de todo o arborado da zona privada de uso público da Deputación entre os edificios do Museo, nunha zona na que con anterioridade xa fora preciso retirar outras tres pezas.

Nesta ocasión, segundo indica o informe de Areeiro, dada a situación da árbore –moi próxima a unha das pasarelas superiores entre o Sexto e o edificio Sarmiento- necesitarase unha grúa con cesto para a súa eliminación, co fin de poder atar en altura as pólas da copa con cordas fortes a medida que se van cortando, evitando a súa caída. Posteriormente, unha vez eliminada a copa, o corte do tronco farase en forma de toradas para facilitar o traballo e a súa eliminación posterior.

Está previsto que a retirada do chopo, que foi comunicada ao Concello, comece sobre as nove da mañá e se prolongo durante varias horas a cargo de persoal técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un camión do Parque de Maquinaria provincial.