A Deputación impulsa as obras dos ecocentros do proxecto ESTRAEE para a recollida de residuos electrónicos en 9 concellos da provincia

Os centros, nos que se están a investir 620.000 €, estarán rematados este verán en Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Bueu, Moaña, Cangas, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

No marco do proxecto ESTRAEE, “Estratexia Sostible Transfronteiriza para a xestión de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos”, a Deputación de Pontevedra xa ten en marcha as obras de adaptación dos puntos limpos dos nove concellos da provincia, integrados neste programa europeo, con fin de convertelos en  ecocentros sobrecualificados que xestionarán o tratamento dos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos).

Deste xeito, e cun orzamento de 620.000 euros, estanse a impulsar reformas e construción de almacéns para RAEE nos nove concellos beneficiarios: Meaño, Vilagarcía, Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Lama, Gondomar, Silleda e na Mancomunidade do Morrazo, (con servizo para Bueu, Moaña e Cangas). Os traballos consisten en enlousados de formigón, estruturas metálicas e bloques de peche, así como a reutilización de elementos, instalación de iluminación, sistemas de protección contra incendios e paneis indicativos.  Con este programa, se seguen a espallar as estratexias sostibles de xestión de residuos da Deputación, así como a súa aposta polo medio ambiente cara a transición ecolóxica e economía circular transfronteiriza.

Pola situación xerada pola pandemia da COVID-19, o proxecto ESTRAEE adaptou a súa estrutura á situación vixente para poder chegar ao seu fin e, así, as actuacións continúan en marcha para que este verán estean os nove ecocentros totalmente preparados e rematados. A día de hoxe é o de Meaño o que ten toda a súa estrutura finalizada, estando tamén moi avanzadas as obras en Vilagarcía e Nigrán, e en marcha nos outros concellos beneficiarios desta iniciativa.

ESTRAEE é un proxecto que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75% de fondos da Unión Europea, que pretende dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto no que participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica.

Amais da adecuación destes nove puntos limpos para convertelos en ecocentros, ESTRAEE tamén está a desenvolver outras accións como a elaboración dun borrador de ordenanza para os concellos sobre xestión sostible dos RAEE, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de RAEE e a implantación da bolsa de recursos e materias primas secundarios. Todas estas iniciativas, impulsadas polo proxecto europeo, están xa en marcha e permitirán impulsar a economía circular nesta zona transfronteiriza que abrangue a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal.