A futura Lei de arquitectura recibe case 40 achegas no período de consultas previas e avanza na súa tramitación para aprobación inicial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda agradece a participación e implicación da sociedade no período de consultas previas desta nova ferramenta específica nesta materia
Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A futura Lei de arquitectura recibe case 40 achegas no período de consultas previas e avanza na súa tramitación para aprobación inicial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu un total de 38 achegas ao texto inicial da futura Lei de Arquitectura, que vén de rematar o período de consultas previas. Desde o pasado 4 de decembro ao 4 de xaneiro de 2021 un total de 38 interesados trasladaron as súas consideracións a este novo texto, a través do formulario habilitado no Portal de Transparencia do Goberno galego.

Nese sentido, a Consellería de Medio Ambiente agradece a implicación e participación da sociedade en xeral, e das entidades e colectivos relacionados co sector, como o Colexio Oficial de delineantes e técnicos superiores proxectistas da Coruña, Colexio de enxeñeiros de camiños, canais e portos, Colexio galego de aparelladores e arquitectos técnicos, así como do Colexio oficial de arquitectos de Galicia.

Todas as súas consideracións e achegas, acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, serán analizadas pola Xunta de Galicia, co fin de introducir todas aquelas cuestión que melloren ou enriquezan este novo texto, e avanzar pasos para que a Comunidade galega avance no obxectivos de contar coa primeira Lei de Arquitectura, e equipará a Galicia a outras comunidades españolas que xa contan con normativa na materia, como é o caso de Cataluña e Estremadura.

Así, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo avanza un novo paso no proceso administrativo deste novo texto normativo, como é a elaboración do documento de anteproxecto de Lei de arquitectura, co fin de elevalo ao Consello da Xunta, xunto coa memoria xustificativa e económica; quen debe autorizar o inicio da tramitación, que incluirá fases como a información pública, proceso de audiencia e solicitude de informes perceptivos.

A arquitectura é unha disciplina de interese público, de dualidade cultural e económica que incide directamente na innovación, a sustentabilidade, o progreso e a cohesión social e que se sustenta fundamentalmente nun complexo tecido de profesionais e medianas e pequenas empresas locais.

É tamén unha manifestación cultural e un factor esencial e constitutivo da identidade de Galicia, é un fenómeno cultural e unha garantía de habitabilidade e de calidade e benestar para as persoas, un patrimonio e un referente artístico e técnico e un instrumento indispensable para a conformación da calidade de vida.

A creación do entorno construído expresa as relacións de convivencia, produtivas e políticas dunha sociedade; polo que a arquitectura debe responder en cada intervención a ese amplo abano de intereses e expectativas, que en ocasións as normas sectoriais non sempre acompañan ao impoñer unha rixidez debido a súa visión parcial.

Así, os obxectivos principais desta nova normativa son establecer as directrices a considerar na contratación pública respecto dos servizos ligados á arquitectura; definir as titulacións profesionais competentes, para potenciar a seguridade xurídica e reducir a conflitividade competencial na contratación pública e privada e a tramitación de autorizacións, licencias e comunicacións previas de obras; procurar unha simplificación da normativa e a axilización de trámites; fomentar o ensino, a divulgación e a sensibilización, especialmente entre os máis novos, sobre a arquitectura como ben e actividade de interese xeral e social.

Tamén se creará o Consello da Arquitectura de Galicia, con representantes dos colexios profesionais e institucións de ensino, as artes e as empresas, con funcións de asesoramento, seguimento, proposta e comunicación.

Coa elaboración desta lei preténdese posicionar esta disciplina no ordenamento xurídico, dando resposta ao interese público e social que o demanda, co fin de que se integre nos plans, programas e proxectos que afecten ao medio construído.

Asemade, a elaboración desta lei ofrece unha resposta á demanda das institucións europeas que instan aos estados membros a implantar as políticas de sensibilización e recoñecemento da arquitectura, salientando o seu interese público polo seu impacto na identidades cultural e no progreso económico ao propiciar a innovación e a sustentabilidade.

En definitiva, a arquitectura é un ben de interese xeral que os poderes públicos están obrigados a preservar, difundir e fomentar, procurando o máis alto nivel posible de calidade en todas as súas realizacións, promovendo o enraizamento social desta disciplina e a formación dos cidadáns nos seus valores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.