Promover a perspectiva de xénero e incorporar os valores igualitarios na formación, tanto académica como transversal, do alumnado. Baixo estas premisas, a Unidade de Igualdade convoca anualmente dúas liñas de axudas, unha para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero e outra para actividades complementarias, como conferencias, xornadas e exposicións, que contribúan á sensibilización nesta materia e á transmisión de valores aliñados coa igualdade.
Actividades docentes
As axudas para actividades docentes están pensadas para propostas vinculadas á practica académica con contidos que axuden a incorporar a transversalidade de xénero na formación do alumnado e que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición das súas competencias profesionais e o seu desenvolvemento persoal. As solicitudes poden presentarse nos 20 días naturais seguintes á publicación da convocatoria, do 6 de febreiro. A Unidade de Igualdade destina a estas axudas unha contía total de 10.000 euros, sendo o máximo para cada actividade de 2000 euros.
Ao abeiro desta convocatoria, o pasado ano celebráronse actividades como unha xornada sobre as mulleres no sector da pesca, un seminario sobre as mulleres na antigüidade ou un obradoiro sobre a pornificación do corpo da muller.
Actividades complementarias
O obxecto desta convocatoria, que está aberta durante os 15 días seguintes á publicación da mesma o 6 de febreiro, é ofrecer axudas para a organización de conferencias, xornadas ou exposicións que se promovan dende calquera instancia da Universidade de Vigo e teñan como finalidade contribuír á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e estean dirixidas fundamentalmente á propia comunidade universitaria ou tamén á sociedade en xeral. Poderá solicitar esta axudas calquera membro da comunidade universitaria que poña en marcha algunha destas actividades, sempre e cando estas se desenvolvan antes do 06 de novembro. O orzamento total desta convocatoria é de 9000 euros e as axudas servirán para subvencionar gastos de viaxe, pagamento de conferencias, traslado de obras artística, aluguer de equipamentos de son, dereitos de exhibición, etc. Ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros.
A pasada convocatoria permitiu a celebración de actividades como unha exposición sobre as intérpretes pioneiras, a xornada Un día no CINBIO. Rompendo teitos de cristal, outra sobre feminización ou xustiza ou un debate sobre a muller no mundo forestal galego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.