A universidade galega máis tecnolóxica amosa as súas capacidades na feira Mindtech

Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A universidade galega máis tecnolóxica amosa as súas capacidades na feira Mindtech

23 grupos de investigación das escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía, Telecomunicación e Forestal, así como da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo integran o catálogo co que a institución académica participa desde hoxe e ata o vindeiro día 12 na primeira edición da feira internacional da industria e tecnoloxías do metal, Mindtech, que se celebra no Instituto Feiral de Vigo. Empresas líderes dos sectores industrial, metalúrxico, metalmecánico e de tecnoloxía asociadas dos ámbitos nacional e internacional participan nesta feira, na que a Universidade de Vigo está presente cun posto no que as persoas asistentes poden consultar o catálogo e capacidades de grupos de investigación que traballan nos sectores nos que se centra o evento. “Somos a universidade galega máis tecnolóxica e polo tanto a colaboración coas empresas é unha prioridade para nós. Coa nosa participación na feira queremos, por unha banda potenciar que os nosos grupos de investigación colaboren coas empresas e, polo outro, que as empresas miren á Universidade como unha fonte de recursos humanos no sentido de que o noso alumnado se poida incorporar a elas a través da modalidade de prácticas”, explica María Consuelo Pérez, responsable da Vicerreitoría de Transferencia, que comparte o posto da Universidade na feira coa Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Xunto ao catálogo que integran os grupos de investigación que quixeron participar nesta publicación, as persoas asistentes á feira poden visionar no posto da institución académica un vídeo alusivo á oferta investigadora da Universidade de Vigo no ámbito da industria e tecnoloxías do metal.

Un ambiente propicio para a colaboración empresa-universidade

A participación da Universidade de Vigo en Mindtech insírese, segundo explica a vicerreitora de Transferencia, nunha estratexia destinada a crear “un ambiente favorable de traballo para que empresa e universidade se relacionen” e que comezou cunha serie de encontros celebrados os últimos meses no campus de Vigo nos que participaron representantes de diversos sectores empresariais e persoal investigador da institución académica. María Consuelo Pérez asegura que “sendo Vigo a universidade máis tecnolóxica de Galicia non podemos vivir de costas ás empresas, ás que ademais subministramos o persoal cualificado que precisan, non só no ámbito galego, senón mesmo no internacional”, asegura a vicerreitora, que considera a colaboración universidade-empresa “básica”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.