A UVigo participa nun consorcio europeo que busca crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes

Financiado con case 30 millóns de euros, interveñen 43 socios de sete países
Publicado por o día 14/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A UVigo participa nun consorcio europeo que busca crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes

As tecnoloxías de detección intelixentes convertéronse en parte da vida diaria e cada vez é máis habitual o emprego de sensores para mellorar o día a día das persoas en múltiples ámbitos, desde lograr unha asistencia sanitaria moito máis personalizada ata conseguir incrementar a seguridade de condutores e peóns nas estradas. Conscientes desta realidade acaba de pórse en marcha NextPerceptión, un consorcio no que participan os principais actores europeos da saúde, o benestar e a automoción, entre eles a Universidade de Vigo, que, avalada por toda a súa experiencia nos sistemas de comunicación 5G, será a encargada de deseñar novas arquitecturas e tecnoloxías de comunicación e de distribución do cómputo no marco destas novas redes de comunicación.

O responsable na UVigo do proxecto é o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Felipe Gil, quen explica que “o resultado deste traballo busca permitir a creación de novos sensores que capturen un volume maior de información, de xeito que se poida utilizar para implementar novas aplicacións intelixentes que hoxe non son posibles pola falta de datos”. Trátase, tal e como subliña Gil, de desenvolver a próxima xeración de sensores de percepción intelixentes e mellorar o paradigma de intelixencia distribuída para construír “solucións de monitorización versátiles, seguras, confiables e proactivas” para cuestións relacionadas coa saúde, o benestar e a automoción.

O orzamento total do proxecto, que se prolongará ata o 2023, é de 28,7 millóns de euros, dos que a Unión Europea financia 8,7 millóns e o resto corre a cargo dos estados membros aos que pertencen os participantes. En total interveñen 43 socios de sete países liderados polo VTT, o centro de investigación técnica finlandés, unha institución pública líder en Europa en desenvolvemento tecnolóxico.

Búscase mellorar a atención ao paciente e lograr unha condución máis segura

Se ben o potencial dos sistemas de detección intelixente vai máis aló da atención médica e o tráfico, o proxecto Next Perception está a traballar en tres casos de uso cos que poder demostrar a viabilidade do enfoque para resolver estes desafíos. Neste senso o valor do proxecto, a xuízo dos seus  impulsores, non está so no desenvolvemento de plataformas de sensores de toma de decisións proactivas e fiables con intelixencia integrada, senón tamén na súa aplicación nunha serie de casos de uso práctico para chegar a solucións listas para introducir no mercado.

Neste contexto, o primeiro dos casos de uso seleccionados vai dirixido a desenvolver tecnoloxías que poidan medir e monitorear a saúde, o comportamento e as actividades, especialmente naquelas persoas que requiren maior atención ou coidados médicos, así como tamén en deportistas de alto nivel. Os outros dous casos de uso desenvolven solucións que melloran a seguridade do tráfico e abordan desafíos clave especificamente relacionados coa condución automatizada en contornas urbanas e en casos de condicións climáticas desafiantes.

O obxectivo principal no caso da monitoraxe do condutor é desenvolver un sistema que poida detectar tanto o estado cognitivo do condutor –distracción, fatiga, somnolencia…- como as súas emocións –ansiedade, pánico, ira…-. Ademais, tamén monitoreará a intención do condutor (xirar á esquerda ou á dereita), así como as actividades e a posición do condutor e outros ocupantes dentro do vehículo. Toda esta información empregarase para funcións de condución autónoma, incluída a asistencia ao condutor. O terceiro caso de uso busca mellorar a seguridade e a comodidade de todos os usuarios da estrada, incluídos peóns e ciclistas, nas interseccións. Neste caso  a principal finalidade é ser capaces de detectar a presenza dos diferentes elementos que interveñen no tráfico, determinar as súas posicións con alta precisión e rastrexar o seu movemento e intención cun alto grao de fiabilidade.

“O resultado final do proxecto é unha arquitectura para distribuír a análise da información entre os propios sensores, a rede e a nube, polo que é aplicable a calquera sensor, se ben neste caso o proxecto xa propón analizar os seus propios resultados neses tres casos de uso”, sinala Felipe Gil, ao tempo que explica que para monitorear o estado dos condutores nos vehículos se empregarán cámaras, sensores de parámetros médicos, sensores de movemento…; mentres que para coñecer a situación exacta en cruces utilizaranse ademais das cámaras outros instrumentos como radares ou tecnoloxía LIDAR, de detección por luz e distancia.

A parte viguesa está financiada con máis de 300.000 euros

Neste proxecto participan tres tipos de socios: por unha banda, empresas, tanto grandes (NXP e Bosch) como pequenas, que serán as encargadas de levar ao mercado os sensores e os servizos asociados a eles; por outra banda, centros de investigación especializados (universidades e centros tecnolóxicos como o propio VTT) e starp-ups que desenvolven novos sensores e tecnoloxías e, por último, usuarios finais que axudarán a validar os resultados.

Ademais da Universidade de Vigo, desde España participan no proxecto o CSIC (a través do Centre for Automation and Robotics, CAR), as empresas Seven Solutions, Evotel e HI Iberia e a Universidade de Lleida que, a través da súa Facultade de Enfermaría, se encargarán de validar o caso de uso de monitoraxe de benestar e saúde.

Desde a Universidade de Vigo participan no proxecto unha ducia de investigadores do Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic, oito de maneira directa e o resto colaborando con menor intensidade. Para levar a cabo o seu traballo contan con 165.987,50 euros de subvención europea (a parte que lle foi concedida á UVigo) e con 152.000 de financiamento nacional, conseguido a través dun proxecto PCI (Programación Conjunta Internacional) da Axencia Estatal de Investigación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.