A XII edición do festival ‘Espazos Sonoros’ inicia a súa programación cun concerto na igrexa de Santa Liberata de Baiona

O festival percorrerá ata o 6 de outubro o patrimonio histórico de Galicia cunha ampla programación musical que se complementa con andainas, visitas e obradoiros
Publicado por o día 01/09/2019 na sección de Galicia,Baiona

A XII edición do festival ‘Espazos Sonoros’ inicia a súa programación cun concerto na igrexa de Santa Liberata de Baiona

A XII edición de Espazos Sonoros, o festival promovido pola Xunta de Galicia que percorrerá o patrimonio histórico da comunidade afondando na experiencia das músicas de raíz e de tradición culta, inicia esta noite a súa programación cun concerto na igrexa de Santa Liberata de Baiona.

Esta primeira cita, a que asiste o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, está protagonizada polo grupo Cantaderas, unha singular formación composta por mulleres cunha ampla traxectoria no mundo da música antiga e que nace coa vocación de poñer en conexión a música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral. O repertorio escollido para a ocasión enmárcase na Semana Santa e traslada a celebración do milagre da Resurrección a cada recuncho do cotián a través dunha escolma de cancións populares combinadas con pezas do século XIII. Este concerto, como todos os incluídos na programación de Espazos Sonoros, é de entrada libre ata completar aforo.

A programación musical desta duodécima edición, que se celebrará ata o vindeiro 6 de outubro, compleméntase con outras actividades como andainas, visitas guiadas e obradoiro para as que é preciso inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico actividades@espazossonoros.org. A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro sábado 7 de setembro en Carballedo, Lugo. Trátase dunha ruta, cuxas prazas xa están cubertas, na que a través das imaxes e dos textos de Frei Martín Sarmiento, os participantes poderán rememorar a importancia que o desaparecido mosteiro de Santo Estevo de Chouzán tivo na Ribeira Sacra.

Esa mesma noite a igrexa de santo Estevo de Chouzán acollerá un concerto de balde ata completar aforo do dúo Fracanapa, especializado na interpretación de tango arxentino desde a perspectiva da música de cámara concertante.

O domingo día 8, para completar as actividades da fin de semana, nun marco de absoluta beleza como é o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, terá lugar un dos apartados xa tradicionais da programación do festival Espazos Sonoros: o Obradoiro de Achegamento á música antiga. Trátase dunha actividade participativa pensada para aprender e gozar ao vivo da música antiga e dos seus instrumentos e repertorios sen necesidade de coñecementos previos. As prazas son limitadas e a inscrición pode realizarse ate o 4 de setembro.

Toda a información sobre as actividades e concertos que se desenvolverán no marco do festival Espazos Sonoros pode consultarse a través da súa páxina web www.espazossonoros.org.