A Xunta aproba o regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego

Coa publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, bota a andar esta IXP impulsada pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan), que foi apoiada dende os inicios pola Xunta
Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Alimentación,Xunta de Galicia

A Xunta aproba o regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que aproba o Regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, ademais de nomear un Consello Regulador provisorio.

Así, o Regulamento establece que as características que debe ter o pan para poder acollerse a esta IXP de ámbito galego son contar cunha codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular. Ademais, a súa elaboración ten que ser artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos. A maiores, o produto hase de caracterizar pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.
Segundo a orde publicada hoxe, as pezas de pan amparado poderán adquirir a forma de fogaza, rosca, bolo ou barra. Canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido. No tocante á conservación das súas propiedades, a súa forte codia actuará de protección e permitiralle ao produto manter durante horas a súa consistencia dura e crocante, así como a textura esponxosa da miga. Deste xeito, poderase consumir pasadas 48 horas desde a elaboración, ou mesmo despois.

No relativo á supervisión das características e a orixe do pan, a Consellería do Medio Rural aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da IXP Pan Galego, que serán integrados no manual de calidade. Os controis basearanse en inspeccións ou auditorías das parcelas de cultivo, almacéns de gran, muíños e instalacións de elaboración e despacho, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no Regulamento. Así, poderán levarse a cabo comprobacións para verificar as características das distintas fariñas empregadas na elaboración do Pan Galego, así como analíticas do propio produto.

Canto ao Consello Regulador da IXP, consta dunha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías. Este Consello abrirá agora os distintos rexistros, para ter identificadas tanto as parcelas de cultivo e almacéns de gran, como os muíños e as instalacións de elaboración e despacho de Pan Galego, co obxectivo de que este produto amparado poida atoparse no mercado este mesmo ano.

Apoio da Xunta

A aprobación do Regulamento e do Consello Regulador da IXP Pan Galego prodúcese despois de que o produto xa quedara incluído no Rexistro Comunitario das Indicacións Xeográficas Protexidas, o que supuxo o seu recoñecemento no ámbito europeo. Todos estes trámites foron posibles logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) -se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás- e no que sempre contaron co apoio do Goberno galego.

A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronte aos lumes.

Enlace á orde no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200728/AnuncioG0426-210720-0004_gl.html

Comentar noticia

Your email address will not be published.