A Xunta colaborará con Anfaco-Cecopesca no impulso de máis dunha ducia de accións de promoción das conservas de produtos do mar

Esta colaboración estará vixente ata o 30 de decembro deste ano e a ela a Consellería do Mar destina 149.000 euros
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Galicia,Mar,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta colaborará con Anfaco-Cecopesca no impulso de máis dunha ducia de accións de promoción das conservas de produtos do mar

A Consellería do Mar colaborará coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos Anfaco-Cecopesca no desenvolvemento de máis dunha ducia de accións para impulsar a mellora da comercialización das conservas de produtos pesqueiros. Estas actividades enmárcanse no convenio que selan cada ano ambas partes e que hoxe asinaron a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites.

Para levar a cabo esta colaboración, que estará vixente ata o 30 de decembro deste ano, a Consellería do Mar destina 149.000 euros. Dentro dela realizaranse diferentes actividades de promoción co obxectivo de contribuír á competitividade e sustentabilidade do sector conserveiro de produtos do mar tendo en conta a situación actual marcada pola pandemia da covid-19 e tamén de apoiar ao sector da hostalaría, un dos principais afectados.

Algunhas destas accións de promoción teñen como finalidade amosar aos consumidores o xeito de elaborar e presentar receitas con conservas de peixes e mariscos e promover o consumo destes produtos en colaboración co sector da restauración. Esta iniciativa tamén inclúe o desenvolvemento dunha plataforma gastronómica online co obxectivo de fomentar o consumo das conservas do mar e de dar a coñecer as localizacións onde se poden degustar, como restaurantes que teñen receitas con conservas no seu menú ou outros locais e tendas que as comercialicen. Ademais ao abeiro deste acordo prevese crear un sistema virtual de doazón de conservas a entidades como os bancos de alimentos ou comedores sociais.

Tamén está previsto organizar catro xornadas sobre claves de futuro para o sector nas que se fará fincapé en temáticas como a transformación dixital, o marketing, a I+D+i e a internacionalización. A X Conferencia Mundial do Atún Vigo 2021 é outra das actividades que contén este convenio e terá como fin analizar os retos aos que se enfronta a industria e as exixencias do mercado.

Outras accións que se enmarcan neste acordo son unha publicación sobre a publicidade das conservas do mar no século XX, co obxectivo de render homenaxe ao sector do deseño, a dixitalización dos documentos do Museo Anfaco, para poñer a disposición dos visitantes virtuais o patrimonio documental da industria conserveira, e a elaboración de pequenos vídeos para promover as conservas do mar no ámbito dixital, entre outras.

Na sinatura desta colaboración, celebrada hoxe na sede de Anfaco-Cecopesca, a conselleira do Mar estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.