A Xunta coordina con Conxemar e Navalia a execución das obras de ampliación de Ifevi co calendario de feiras do recinto vigués

O director xeral de Comercio e Consumo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas e a delegada territorial da Xunta reuníronse con responsables destes eventos para trasladarlles as características do novo espazo
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta coordina con Conxemar e Navalia a execución das obras de ampliación de Ifevi co calendario de feiras do recinto vigués

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuníronse esta mañá con representantes de Conxemar e Navalia co obxectivo de lograr unha perfecta coordinación entre a execución das obras de ampliación do Instituto de Feiras de Vigo (Ifevi) co calendario de eventos do recinto.

Tal e como salientaron os representantes da Administración autonómica, o plan de obra xa prevé habilitar nova superficie expositiva aos catro meses e medio do inicio das actuacións, que durarán un total de seis meses e xa foron licitados.

Está previsto que a Administración autonómica invista 7,65 millóns de euros nesta actuación, que ten por obxectivo incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel europeo e internacional.

As obras, que se realizarán mediante un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Infraestruturas, consisten na ampliación da zona traseira do pavillón 3. Prevese unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente. En paralelo a esta ampliación, tamén se executarán novas infraestruturas deportivas, cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.

Esta ampliación súmase á xa realizada en 2018, na que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora o investimento para este novo proxecto.