A Xunta destaca que Clun recibiu máis de 296.000 euros para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo

Trenor sinalou que os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria de forma comunitaria, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético
Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destaca que Clun recibiu máis de 296.000 euros para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro con socios de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), que conta con 3.500 socios e 406 traballadores directos. Durante a visita informou da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2020 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, das que Clun recibiu unha achega de 296.367,12 euros.

Concretamente, grazas a este apoio a cooperativa adquiriu 3 carros mesturadores autopropulsados co obxecto de mellorar o servizo prestado de alimentación do gando, unha sementadora de millo de 8 filas de alto rendemento e 1 grada rotativa de 6 metros de labor.
O delegado territorial informou de que na comarca de Santiago recibiron estas achegas 7 entidades, cunhas axudas de máis de 874.000 euros e que mobilizarán en total un investimento de máis de 2 millóns de euros. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.

Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ao tempo, procúrase tamén reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

O delegado territorial puxo en valor que en toda a provincia da Coruña estas achegas benefician un total de 11 cooperativas, cun investimento total de máis de 1,2 millóns de euros para subvencionar investimentos por case 3 millóns de euros. En toda Galicia foron 24 as cooperativas agrarias beneficiadas nesta última convocatoria, e recibiron en conxunto 2,4 millóns de euros.

Trenor destacou que “os principais obxectivos que se perseguen con estas axudas son a utilización de maquinaria e equipos agropecuarios de forma asociativa, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético”.

Axudas para transformación de produtos agrarios

O delegado da Xunta tamén destacou que Feiraco Lácteos -integrada en Clun- recibiu outra achega de máis de 117.000 euros das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Este tipo de axudas consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Neste senso, Trenor destacou que “o importante deste tipo de apoios é que van encamiñados a facer que as empresas do rural poidan mellorar a súa capacidade produtiva e súa competitividade nos mercados”. O delegado territorial puntualizou que “estas achegas son unha gran oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.

Na comarca de Santiago de Compostela foron 11 as empresas beneficiadas por estas axudas, nos concellos de Ames, Dodro, Frades, Melide, O Pino, Padrón, Santa Comba, Touro e Vedra. Contaron cunhas axudas en total de máis de 3,4 millóns de euros e mobilizaron máis de 9,9 millóns de euros.