A Xunta destina preto de 24 M€ ás axudas aos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i de Galicia, un 60% máis que na anterior convocatoria

Feijóo lembra que nos últimos anos se levan mobilizados máis de 175,5 M€, grazas aos que, a día de hoxe, funcionan 276 grupos de investigación nos que traballan uns 2.600 investigadores
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destina preto de 24 M€ ás axudas aos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i de Galicia, un 60% máis que na anterior convocatoria

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que a Xunta vai destinar preto de 24 millóns de euros ás axudas dirixidas aos grupos máis competitivos do sistema de I+D+i de Galicia.

Tras incidir en que “é un 60% máis que a anterior convocatoria”, Feijóo lembrou que “levamos mobilizados nos grupos de maior interese investigador nos últimos anos máis de 175,5 millóns de euros”, grazas aos que, a día de hoxe, funcionan 276 grupos de investigación nos que traballan arredor de 2.600 investigadores.

O presidente da Xunta avanzou que esta convocatoria, promovida conxuntamente pola Vicepresidencia Segunda e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está dirixida ás tres universidades galegas, aos organismos públicos de investigación, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO asentados en Galicia. E engadiu que as axudas se concederán a Grupos de Referencia Competitiva, Grupos de Potencial Crecemento e a proxectos de Persoal investigador con traxectoria excelente.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que aos Grupos de Referencia Competitiva destinaranse 18 millóns de euros e as axudas terán unha duración máxima de catro anos. Estes grupos defínense polos bos índices de publicacións científicas, un nivel alto de captación de recursos e competitividade tanto a nivel nacional como, nalgúns casos, a nivel internacional.

No que atinxe aos Grupos de Potencial Crecemento -aqueles que teñen unha calidade investigadora constatable e que están na senda para se converter en grupos de referencia- resérvanse 3 millóns de euros e os apoios durarán un máximo de tres anos.

Por último, no caso dos investigadores con traxectoria excelente -persoal cunha carreira recoñecida que teñen que afianzar unha liña de traballo de alto impacto- hai dúas liñas de axuda. Unha liña apoiará traxectorias consolidadas. Neste caso, as axudas terán un período de 4 anualidades e se aboarán ata 50.000 euros ao ano á institución á que pertenza o investigador. A outra liña destinarase a investigadores emerxentes, cuxos apoios durarán 5 anualidades cunha contía máxima anual de 25.000 euros.

As contías servirán para financiar contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, investigadores visitantes, equipamento, bibliografía, formación, participación en congresos ou sociedades científicas, así como a organización de actividades de divulgación, entre outros.