A Xunta inicia hoxe as actuacións preliminares para a incorporación gradual do persoal empregado público

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe nunha visita a Pontevedresa Group que a volta ao traballo presencial terá como máxima prioridade garantir a saúde dos traballadores
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de Coronavirus,Emprego,Xunta de Galicia

A Xunta inicia hoxe as actuacións preliminares para a incorporación gradual do persoal empregado público

A Xunta iniciou hoxe as actuacións preliminares que permitirán a incorporación gradual do persoal empregado público ao traballo presencial. Séguese así o establecido no protocolo que aprobou o Consello da Xunta a semana pasada e que conta co apoio dos sindicatos.

Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a suá visita a Pontevedresa Group, onde puxo en valor que o protocolo será flexible, seguindo a evolución da epidemia, e que “por riba de todo” a súa máxima prioridade será garantir a saúde dos traballadores e traballadoras.

As actuacións preliminares que comezan hoxe son unha fase de preparación, na que se estudarán os espazos dispoñibles e como organizalos para garantir a distancia de seguridade de dous metros. Polo tanto, identificarase ao persoal con despacho propio e os espazos que cumpren as garantías. Naqueles que non se cumpran, avaliaranse reorganizacións ou dotación de elementos de separación. Tamén se consultará co persoal a súa dispoñibilidade para teletraballar ou reorganizar quendas, no caso de que fose necesario por motivos de afluencia de persoal.

Estímase que estas actuacións preliminares durarán unha semana, polo que previsiblemente o próximo 18 de maio comezará a primeira das tres fases que inclúe o Protocolo. En cada unha das fase se irá incorporando distinto persoal, de forma que a volta ao traballo presencial será escalonada.

Na primeira fase, incorporaranse os xefes/as de servizos ou postos equivalentes e aquel persoal que polas súas funcións non pode teletraballar, sempre que o seu posto de traballo cumpra os dous metros de seguridade. Seguirán acudindo os traballadores dos servizos esenciais como ata o momento. Estímase que esta fase durará dúas semanas.

Na segunda fase, que se todo avanza con normalidade podería empezar o 1 de xuño, volverá o persoal que, sen estar incluído na primeira fase, teña espazo propio, así como os traballadores das oficinas nas que se cumpren os dous metros de separación entre traballadores.

A terceira fase, que podería comezar o 15 de xuño, será para todo aquel persoal que non puido incorporarse nas fases anteriores, logo de terse acometido os axustes necesarios nos seus postos de traballo para que se garanta a distancia mínima de seguridade.

Cómpre destacar que se adoptarán medidas especial de protección para aquel persoal que presente algún tipo de enfermidade ou afección que implique a súa consideración como grupo vulnerable e que serán os últimos en incorporarse. A determinación dos grupos vulnerables e a gradación de risco dos postos de traballo realizarase de acordo ao establecido polo Ministerio de Sanidade, que fixa como grupos vulnerables ás persoas con enfermidade cardiovascular/HTA, diabetes, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cáncer en tratamento activo, maiores de 60 anos e embarazo.

En defintiiva, “agardamos que a finais do mes de xuño, todo o persoal da Xunta estea traballando. Isto non quere dicir durante todos estes dous meses non se estivese traballando: estívose traballando. Hai que poñer en valor o teletraballo e o aproveitamento de novas tecnoloxías que permitiu que moitísimos traballadores estiveran facendo o seu labor, pero desde a casa”, engadiu o vicepresidente.

Cómpre ter en conta que todas as datas son estimadas. Fíxase unha duración de dúas semanas de cada fase, que poderá variar no caso de que as recomendacións das autoridades sanitarias e a evolución da epidemia recomenden amplialas. De feito, haberá constituída unha comisión de seguimento cos sindicatos para tratar as revisións que sexan necesarias.

Ademais das fases de incorporación gradual, no Protocolo inclúense pautas de protección individual e colectiva, como a obrigatoriedade de que todo persoal público se revise a temperatura antes de vir a traballar, teña síntomas ou non; a obrigatoriedade de hixienizar as mans antes de entrar aos edificios; o fomento do uso dos medios telemáticos para evitar no posible os desprazamentos; e pautas de limpeza e circulación nos edificios.

Visita a Pontevedresa Group

Durante a súa visita a Pontevedresa Group, o vicepresidente da Xunta destacou a traxectoria desta empresa, que é un referente en Galicia e fóra da comunidade autónoma en todos os ámbitos relacionados coa fabricación de cristal e as súas aplicacións.

Ademais, puxo en valor o traballo “moi destacado” que están realizando para dar resposta, coa fabricación de material de protección como mamparas, ás necesidades que se están rexistrando estes días, moi especialmente agora que comezou o proceso de desescalada e que Galicia entrou na fase 1.