A Xunta mantén por terceiro ano consecutivo a bonificación dun 10% no canon que pagan a Sogama os concellos adheridos

O DOG publica hoxe a resolución pola que se fai público o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos así como a rebaixa aplicable en 2021 a aqueles municipios que promovan a redución de residuos e/ou a reciclaxe de envases lixeiros, e trasladen a bonificación ao recibo do lixo dos cidadáns
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta mantén por terceiro ano consecutivo a bonificación dun 10% no canon que pagan a Sogama os concellos adheridos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda manterá este ano a bonificación do 10% sobre o canon que os concellos adheridos a Sogama deben abonar pola xestión e tratamento dos residuos domésticos no complexo de Cerceda. Por terceiro ano consecutivo, a Xunta ofrece esta posibilidade a aqueles entes locais que cumpran dous requisitos: promover a redución de residuos e/ou a reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa do canon aos recibos dos cidadáns.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que aplicará Sogama para 2021, así como a bonificación correspondente que rexerá tamén para este ano.

Desta forma, preténdese seguir incentivando en liña cos obxectivos fixados pola UE a prevención e redución de refugallos en orixe, así como a achega dos municipios á reciclaxe a través dunha correcta segregación dos materiais contidos no lixo e o posterior depósito dos mesmos, por parte dos cidadáns, nos diferentes contedores habilitados na vía pública.

O canon xenérico (non bonificado) que os concellos adscritos ao modelo Sogama pagarán este exercicio baixa dos 69,83 euros/tonelada aos 69,48 euros/tonelada debido á actualización do IPC 2020 en Galicia. En canto ao canon bonificado para 2021, fíxase en 62,50 euros/tonelada, de modo que os concellos aforrarán preto de sete euros por tonelada.

En 2020 se acolleron a este incentivo un total de 157 concellos, que dispoñen aínda de prazo ata finais do próximo mes de febreiro para emitir a certificación que acredite o cumprimento das dúas condicións esixidas para poder beneficiarse da rebaixa.

De cara ao presente exercicio, a bonificación rexerá para aquelas entidades locais que cumpriran o ano pasado cos requisitos esixidos, podendo acollerse tamén á mesma aquelas que non solicitaran en 2020 a aplicación do canon bonificado ou que, téndoo solicitado, non cumprisen algún dos condicionantes fixados pola Xunta.

Cómpre lembrar que nestes momentos están adheridos ao modelo de Sogama un total de 295 concellos (o 94% dos de toda Galicia), aglutinando a unha poboación superior a 2.242.000 habitantes.

A valorización da materia orgánica, unha prioridade

Igualmente, e co obxectivo de fomentar a recuperación da materia orgánica e poñela en valor a través da compostaxe, a empresa pública Sogama lidera un programa de compostaxe doméstica ao que están adscritas un total de 358 entidades, entre as que se atopan 203 concellos, ademais de centros educativos e colectivos sociais.

Entre as mesmas, a compañía repartiu de forma gratuíta preto de 15.000 composteiros, evitando que os usuarios depositen os restos orgánicos no contedor verde convencional e pechen así o ciclo da reciclaxe nas propias vivendas, podendo verse diminuído o importe da factura a pagar a Sogama por parte dos Concellos.

Ademais, a Sociedade Galega do Medio Ambiente asumiu a construción e xestión de tres novas plantas de biorresiduos que se localizarán na provincia de Pontevedra (concretamente na localidade de Vilanova de Arousa), na de Lugo (no municipio de Cervo) e na provincia de Ourense (zona sur).

Estas instalacións virán a complementar a de compostaxe que opera xa en Cerceda, así como outras infraestruturas, tanto públicas como privadas (actuais e futuras) destas características co fin de que Galicia dea debido cumprimento aos obxectivos europeos en materia de reciclaxe e valorización da fracción orgánica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.