A Xunta vén de recibir ofertas dun total de 16 empresas para executar as obras dunha senda na estrada PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra, que suporá un investimento de arredor de 800.000 euros.
Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o seu inicio esta vindeira primavera e o obxectivo é poder tela rematada entre finais deste mesmo ano e comezos de 2022.
Trátase de reforzar a seguridade viaria a través da execución dun itinerario peonil que permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa.
A senda terá unha lonxitude próxima aos 1,5 quilómetros e executarase en formigón e cun ancho mínimo de 2 metros. Ademais, construirase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda, naquelas zonas onde haxa espazo suficiente.
As obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pequena pasarela para superar o rego do Castrado con sistemas de contención, dous muros para o sostemento de terra.
Tamén inclúe actuacións complementarias, como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.
Esta nova actuación da Xunta enmárcase no Plan de Sendas de Galicia e, en concreto, nas actuacións previstas na comarca de Pontevedra. Esta iniciativa está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014-2020.
Con esta actuación a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue traballando na mellora da seguridade viaria na estrada PO-531, no seu treito entre Pontevedra e Curro. O investimento autonómico acada os 3,8 millóns de euros, en traballos recentes e en licitación, ou cos proxectos en redacción por parte do departamento de Infraestruturas da Xunta.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.