A Xunta sinala que os problemas de calefacción do CEIP Otero Pedrayo son competencia de mantemento do Concello de Vigo

A delegada territorial informa que o centro contactou co Concello e a empresa xa na primeira semana de decembro e que, tras varios intentos nulos de comunicación, o 11 e 19 de xaneiro solicitaron o arranxo por rexistro municipal
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta sinala que os problemas de calefacción do CEIP Otero Pedrayo son competencia de mantemento do Concello de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinalou hoxe que o problema de calefacción detectado no CEIP Otero Pedrayo de Vigo é responsabilidade municipal. Así, recordou que neste caso quen ten a competencia de mantemento dos centros educativos de infantil e primaria é o Concello.

Un caso que ademais parece que non é illado, pois afirmou que “temos constancia, ademais, de que hai problemas similares de calefacción de competencia do Concello de Vigo nos CEIP Virxe do Rocío e Escultor Acuña”.

Así, detallou que a dirección do CEIP Otero Pedrayo solicitou xa na primeira semana do mes de decembro con carácter urxente ao servizo de mantemento de centros educativo do Concello de Vigo a reparación da avaría que causaba un mal funcionamento da calefacción.

A propia empresa encargada do mantemento, á que foi derivado o centro e segundo o relato deste, constata a necesidade de reposición de varias pezas da caldeira e afirma que en canto as tivesen dispoñibles solucionaría a avaría.

Diante da tardanza, no período que vai do 12 ao 22 de decembro o centro ponse en contacto case diariamente tanto ca empresa como co Concello de Vigo, sen resposta favorable ao arranxo inmediato.

Nas vacacións de Nadal un técnico do Concello achegouse ao CEIP Otero Pedrayo para facer un pequeno arranxo de carácter provisional, pero ao día seguinte da volta ás clases o sistema de calefacción volveu deixar de funcionar.

A empresa envía un técnico o día 13 de xaneiro que executa un arranxo que novamente é infrutuoso, dado que a calefacción volve deixar de funcionar.

Desde esa data desde o centro non deixaron de intentar avisar e poñerse e contacto coa empresa e co Concello para que solucionase o problema, intentos de comunicación que foron nulos, polo que desde o centro solicitaron o arranxo ao Concello de Vigo por rexistro electrónico nos días 11 e 19 deste mes de xaneiro.

A este respecto, Fernández Tapias insistiu en que o feito de que estes centros educativos estivesen días sen calefacción, e o caso especialmente grave do CEIP Otero Pedrayo, son responsabilidade única do Concello de Vigo. “A competencia do arranxo é municipal, como proba a propia relación de comunicacións entre o Concello e o centro educativo e a visita dun técnico municipal e outra da empresa contratada polo Concello para intentar solucionar o problema”, anotou.