Amizade coñece o proxecto de reforma da Santiña e da praza de Barcelos

Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Amizade coñece o proxecto de reforma da Santiña e da praza de Barcelos

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e o presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán, mantiveron unha xuntanza telemática sobre dous proxectos de reforma urbana que se acometarán na cidade de cara aos vindeiros meses. Trátase dos proxectos básicos de reforma da praza de Barcelos e da rúa da Santiña, que o concelleiro está dando a coñecer entre diferentes colectivos veciñais e sectoriais para recabar aquelas achegas que sexan de interese para mellorar estas actuacións.

Na reunión, que tivo lugar nun clima cordial e de colaboración, Paulo Fontán expuxo unhaserie de elementos que non aparecen reflectidos nos proxectos básicos, como son que no réxime de aparcadoiros do proxecto deben figurar as prazas adaptadas, que na lexislación citada debe aparecer a Orde de accesibilidade en espazos públicos urbanizados e que se faga un estudo en profundidade da accesibilidade do mobiliario urbano. Posto que nos proxectos básicos este nivel de detalle non ten por que aparecer reflectido, Demetrio Gómez comprometeuse a incorporalo nos proxectos de execución de ambas actuacións.

A xuntanza de onte de Demetrio Gómez vén sumarse á xa mantida a semana pasada coa Federación de veciños Castelao e a Asociación de veciños do Burgo, e continuará pasado mañá co empresariado da contorna da praza de Barcelos. Esta tarde, tamén manterá un encontro con representantes de ‘Mollavao Si’ para trasladarlles o proxecto de reforma do segundo treito da rúa Rosalía de Castro. Debido á situación sanitaria actual, esta xeira de reunións estase realizando de xeito telemático.