Areeiro recomenda continuar a vixilancia e extremar o coidado nas aplicacións dos tratamentos contra o mildio nas viñas

O centro dependente da Deputación lanzou un novo aviso fitosanitario no que aconsella tamén manter o nivel de alerta fronte ao oídio
Publicado por o día 04/06/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Agricultura e Gandería

Areeiro recomenda continuar a vixilancia e extremar o coidado nas aplicacións dos tratamentos contra o mildio nas viñas

Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que sinala que o mildio segue a avanzar nas viñas non tratadas, mentres que nas que se fixeron aplicacións e as revisadas pola EFA vese un maior control das infeccións, aínda que nalgunhas plantas se observa frutificación nalgúns acios e tamén nas follas. Por esta razón e tendo en conta que as previsións meteorolóxicas elevan o nivel de risco, o persoal especialista da Estación segue a recomendar a revisión constante das viñas para poder actuar a tempo de frear as infeccións no caso de que continúe a aparición de novos síntomas.

Amais, Areeiro insiste na importancia, sobre todo este ano, de facer unhas aplicacións de tratamentos coidadosas, de calidade e non superar as doses máximas das etiquetas nin aplicar volumes de caldo extremos, pois pode obterse precisamente o efecto contrario ao perseguido. No caso das viñas con exceso de vexetación, que aínda son frecuentes, as condicións favorables ás enfermidades son máis acusadas e tampouco o produto acada todos os órganos a protexer, polo que o persoal da EFA aconsella mantela baixo control, como tamén a do solo.

O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio, do que xa se observou o primeiro acio de albariño con micelio. Foi o único indicio do fungo, polo que de momento Areeiro non recomenda actuar, pero subliña que na actual etapa a uva é moi sensible e o nivel de alerta debe ser máximo.

No que atinxe ao black-rot,  só se apreciou a evolución na presenza de síntomas en follas dunha viña abandonada da comarca do Condado, pero non nas demais que foron revisadas, tratadas ou testemuña sen tratamentos. Neste senso, a EFA sinala que as condicións previstas a curto prazo non serán tampouco especialmente sensibles á enfermidade, aínda que por fenoloxía da uva si existe risco.

Respecto á botrite, o aviso fitosanitario subliña que a pesar de que houbo algúns días condicións de temperatura favorables a este fungo, non se observou o micelio do patóxeno nin nos restos non desprendidos das flores nin nos órganos necrosados polo mildio, e coas previsións climatolóxicas dos próximos días o risco será feble.

Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que está a finalizar o voo da primeira xeración de Lobesia botrana, que xa viña diminuíndo nas últimas semanas, polo menos nas trampas instaladas por Areeiro. Aínda aparecen algúns glomérulos (niños) pero en niveis que non xustifican a realización de tratamentos, que en todo caso deben ser dados, se fose necesario, na segunda e/ou terceira xeración.

E no que respecta a outras pragas de artrópodos, Areeiro detectou esta semana novos síntomas de erinose nas follas máis novas dalgunha viña puntual e, de xeito anecdótico, un lixeirísimo incremento nas poboacións de mosquito verde nunha parcela.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutros cultivos e árbores como a pataca e o buxo. No primeiro caso, nas leiras non tratadas é xeral a presenza de ovos, larvas e exemplares adultos de escaravellos. Ademais, as condicións meteorolóxicas previstas poden favorecer tamén o seu desenvolvemento, polo que a EFA recomenda ás persoas agricultoras que, se non fixeron recentemente unha intervención, a fagan, pois estes insectos poden eliminar totalmente a parte verde da planta en poucos días.

No que se refire á bolboreta do buxo, nas trampas instaladas por Areeiro non se capturou ningún adulto, pero observouse nunha sebe as primeiras postas. De momento a EFA sinala que non é preciso tratar, pero si incrementar a vixilancia porque, aínda que neste momento os gromos están completamente sans, algúns dos ovos estaban máis evolucionados e poden nacer as eirugas nos próximos días.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.