Recoller lixo mariño en Galicia e Valencia para analizalo e valorizalo en forma de novos produtos. Este é o obxectivo co que este ano se puxo en marcha o proxecto Repesca_Plas, unha iniciativa impulsada polo Instituto Tecnológico do Plástico (Aimplas) coa colaboración, entre outras entidades, do grupo Ecotox da Universidade de Vigo. Definidos e planificados os puntos de recollida a pé de porto para a súa posterior caracterización, esta semana arrancou no Porto de Marín a formación dos pescadores para que estes labores se realicen de forma óptima.
A xornada formativa, organizada pola Asociación Vertidos Cero e a Universidade de Vigo, contou coa participación de diferentes pescadores do litoral de Marín comprometidos coa redución do impacto dos lixos mariños no océano, xunto aos responsables da xestión de residuos do porto que facilitarán os traballos de caracterización dos residuos recollidos e as descargas no porto, como parte das actividades desenvolvidas dentro do proxecto.
Os pescadores son un dos actores principais do proxecto
Os pescadores son un dos actores principais do proxecto Repesca_Plas, pois eles van ser as persoas encargadas da recollida indirecta do lixo mariño mentres faenan, así como do seu depósito nos colectores habilitados para iso nos portos. Este labor permitirá unha análise e clasificación posterior dos materiais para a súa valoración. O proxecto prolongarase ata finais de ano e estímase que ata entón se recollan máis de 300 quilos de plásticos mariños, de aí a importancia da formación e o coñecemento dos obxectivos do proxecto RepescaPlas entre os pescadores, a autoridade portuaria e os xestores de residuos do porto.
Durante a formación abordouse o alcance do problema dos lixos mariños, os efectos sobre a biodiversidade, con especial atención ao impacto dos microplásticos e a correcta xestión dos residuos no porto. Ademais, amosáronse os principais avances da plataforma Marnoba, que é a ferramenta que se utilizará para a caracterización do material recollido. “O obxectivo desta ferramenta é recompilar, almacenar e mostrar dun modo sinxelo información sobre os lixos mariños das nosas costas mediante a utilización dunha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles, servindo a información recollida como datos adicionais ao programa de seguimento de lixos mariños do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente”, explicaron os responsables do proxecto.
Ecotox encargarase de definir a ecotoxicidade do lixo recollido
A participación da Universidade de Vigo neste proxecto artéllase a través do grupo Ecotox (Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña), dirixido polo catedrático Ricardo Beiras. Xunto con Aimplas e a Asociación Vertido Cero, son os encargados de caracterizar o lixo recollido para definir tanto o tipo de residuos, como a súa natureza e orixe e a súa ecotoxicidade. Como explican os investigadores, “estableceranse protocolos con diferentes modelos biolóxicos e avaliaranse en fases temperás de desenvolvemento dos organismos mariños seleccionados”. Ademais, engaden, “analizaranse os resultados obtidos nas caracterizacións para establecer resultados globais das zonas de recollida e determinar a influencia do lixo recollido no medio mariño”. Destas tarefas tamén se obterán datos relativos ao efecto dos plásticos na reprodución das especies mariñas e toda a información achegarase en forma de datos ao programa oficial de seguimento de residuos mariñas do Mapama.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.