As empresas galegas de 10 ou máis empregados superan a medida estatal no uso de software libre, ascendendo do noveno posto no ranking de Comunidades Autónomas ao quinto lugar. Cabe salientar o crecemento deste indicador se producen tanto nas empresas galegas con 10 ou máis empregados, cun aumento de 1,4 puntos, como nas microempresas, que rexistraron un incremento de incremento e 4,6 puntos no último ano.
Non obstante, o grao de implantación e uso do software libre é diferente en función do tamaño da empresa. Así preto de 9 de cada 10 empresas galegas con 10 ou máis empregados usan software libre (88,2%) mentres que a porcentaxe de uso nas microempresas sitúase no 54,4%. No relativo ao sector TIC, practicamente 9 de cada 10 empresas informáticas empregan software libre nalgún dos seus equipos (88,6%), experimentando un aumento de 1,4 puntos respecto ao ano anterior.
Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2017, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Estes estudos responden tamén aos compromisos asumidos no marco das actuacións de impulso do software libre que se establecen no Plan de Acción Software Libre 2017.
Tipoloxía de aplicacións con licenza libres empregadas
As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de Internet e as aplicacións ofimáticas, cun 85,4% e 61,1% respectivamente no caso das empresas de 10 ou máis empregados e un 48,6% e 40,5% respectivamente no caso das microempresas.
No caso das empresas informáticas, os aplicativos máis utilizados son as suites ofimáticas (59,4%), os navegadores de Internet (59,4%), e os sistemas de xestión de contidos web (43,2%). Salientar que en determinadas aplicacións, como a “Xestión de contidos web” ou as “Aplicacións de deseño gráfico” hai máis empresas que usan Software Libre que privativo. No primeiro caso é 11,3 puntos porcentuais superior e no segundo caso 6,4 puntos de diferencia.
As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC
Un 52,7% das empresas informáticas galegas que se dedican á venda de produtos de software, ofrecen solucións de software libre aos seus clientes. As solucións nas que o software libre ten maior penetración son os sistemas e-learning, servidor web, sistemas de xestión de contidos de portais e páxinas web, os sistemas de desenvolvemento e as solucións de e-commerce, sendo en todos os casos a porcentaxe de empresas que ofrecen solucións libres superior á que ofrecen solucións privativas.
Motivos para non usar software libre
Os principais motivos argumentados polas empresas que non usan aínda software libre varía en función do sector e do tamaño. No caso das microempresas, o principal factor aducido é o descoñecemento de solucións ou a falta de referencias sobre os produtos de Software Libre e no caso das empresas de máis de 10 empregados, o motivo máis citado é o temor aos problemas que pode ocasionar a migración a sistemas ou aplicacións libres.
Pola súa banda, as empresas informáticas argumentan como motivo principal para non empregar software libre a percepción da “Incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais”, en opinión do 34,3% das empresas enquisadas, seguido do “descoñecemento de solucións ou a falta de referencias sobre os produtos de software libre” argumentado polo 21,7% das empresas informáticas galegas.
Medidas para a promover o uso do software libre
Desde o ano 2010 a Xunta, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do sector un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e na cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as que se desenvolven deste o Centro Demostrador TIC, o CNTG e da Oficina de Software Libre. A información sobre as necesidades do sector empresarial servirá para incidir nestas liñas nas actuacións a desenvolver durante o ano 2018.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.