Barro pecha a súa campaña de apoio ao comercio local cunha boa acollida por parte do sector e dos clientes

Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia

O concello de Barro vén de concluír a campaña de apoio ao comercio e a hostalaría  “Polo nadal, comercio local”, unha campaña que contou cunha boa acollida entre o sector do pequeno comercio e a hostalaría de Barro, xa que sumou a máis de 70 establecementos participantes nas dúas iniciativas que conformaban a campaña.

Por unha banda, a iniciativa, Mercar en Barro ten un lote de premios resultou ter un importante impacto na economía local co feito de elaborar lotes de produtos locais e galegos que logo foron sorteados entre os propios clientes de cada un dos establecementos adheridos, foron moitos os veciños e veciñas que fan asiduamente as súas compras no comercio local os que resultaron premiados con estes lotes así como tamén clientes da contorna que mercan en Barro.

“Barro de escaparate”  foi a outra iniciativa que consistiu nun concurso de escaparates que buscaba incentivar a decoración de Nadal dos escaparates entre os locais e tamén premiar aqueles que segundo o criterio dun xurado fosen os merecedores dos premios designados nas bases do concurso. Os establecementos que foron galardoados no concurso “Barro de escaparate” foron: Peluquería Retokes (1º premio), Carnicería San Marco (2º premio) e Floristería Diflor (3º premio). O xurado salientou a calidade dos traballos feitos polos comercios e valorou moi positivamente a participación dos establecementos.

Logo da avaliación que estas dúas iniciativas tiveron dentro da campaña de Nadal o equipo de goberno ten a intención de consolidar estas iniciativas dentro da súa campaña de apoio ao comercio local en vindeiras edicións polas datas de Nadal. O Concello traballa xa na vindeira campaña de apoio ao comercio e a hostalaría de Barro co fin de pór en valor as compras e o consumo no comercio de proximidade, un xesto que vai máis aló do mero feito de consumir e que deixa unha fonda pegada na economía local.