BNG pon de exemplo o gromo na residencia de DomusVi en Vimianzo para evidenciar o modelo fallido e “privatizador” do PP

O deputado, Daniel Pérez preguntou ao goberno pola incidencia da Covid na Residencia de Maiores, Domus Vi de Vimianzo que afectou á totalidade das persoas usuarias e reclamou á intervención da Xunta
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Política,BNG

O deputado do BNG, Daniel Pérez formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre o gromo detectado na Residencia de Maiores, Domus Vi de Vimianzo que afectou á totalidade das persoas usuarias do centro, “150 afectados de 150 usuarios”.

Tras a intervención do director xeral de Atención Integral sociosanitaria, Antón Acevedo que coincidiu na diagnose do nacionalista e anunciou que xa existe un grupo de traballo para “repensar o actual modelo de residencias” co fin de non cometer os mesmos erros ante futuras pandemias, o deputado reiterou que o acontecido en Vimianzo é produto do “modelo privatizador de Feixóo”, modelo ao que o BNG mostrou a súa oposición antes da pandemia. O coidado dos nosos maiores, dixo, “non se pode mercantilizar e o actual modelo de xestión é un modelo falido”. Daniel Pérez insistiu na necesidade  dun novo modelo que coloque as persoas “no eixe central  das políticas públicas” reforzando  o seu carácter público e de proximidade.

Á pregunta do BNG sobre unha posible intervención da Xunta  na residencia, Acevedo eludiu responder. Pola súa parte, o nacionalista  destacou que a  escaseza de persoal obriga a auxiliares, enfermeiros, enfermeiras  e médic@s a transitar por  diferentes salas compartimentadas para evitar a propagación do virus, circunstancia que na súa opinión, “non ten moito sentido”. Para o deputado, o problema reside nas carencias de medios humanos e materiais  nos centros de xestión privada xa que “hai que pagar ao persoal e iso conleva a redución de beneficios”, remarcou.

Os dous médicos que traballan a media xornada, polas tardes traballan noutra clínica privada en Carballo co conseguinte risco de contaxio e transmisión no centro, neste sentido,  destacou o “grande compromiso dos e das profesionais” que mesmo renunciaron ao período vacacional para incorporarse ante o segundo gromo. O deputado do BNG preguntou polos criterios da Xunta para intervir nunha residencia, cuestión que novamente quedou sen resposta por parte do director xeral de Atención Integral sociosanitaria.