Campaña de embarques participativos 2020 na costa da Coruña

Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Medio Ambiente,CEMMA,Social

A CEMMA pon en marcha a actividade de monitorización de cetáceos na plataforma de Galicia 2020. A previsión é a realización de 15 embarques entre os meses de xullo a setembro e en toda a costa de Galicia, aínda que amosando maior incidencia na costa da provincia da Coruña.

Campañas CEMMA

Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 h de navegación ou 28,6 km percorridos.

No ano 2018 lanzou a proposta dos Embarques participativos-EP con grande éxito de convocatoria pois permitiu a realización entre 2018-2019 de 20 embarques en diferentes portos de Galicia nas que se implicaron máis de 100 persoas anualmente. Por iso no 2020 tratarase de afianzar as campañas na provincia da Coruña que é a zona da costa máis descoñecida dende o punto de vista da fauna cetolóxica.

Obxectivo

O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques.

Campañas programadas

Están propostas un total de 15 xornadas, ademais do clásico porto de referencia para a CEMMA que é O Grove, que realizará mostraxes no norte da Ría de Arousa e fronte a Sálvora, levaranse a cabo embarques dende o porto de Fisterra, aínda que o calendario non está pechado e serán anunciados proximamente outros portos para cubrir a costa norte da provincia da Coruña.

Pódese consultar toda a información das campañas de embarques participativos, para a monitorización de cetáceos, na web: http://www.cemma.org/embarcate.htm

Ou enviando correo a: cemmasolicitud@gmail.com

Estas campañas están autorizadas pola Secretaria de Estado de Medio Ambiente, Ministerio para la Transición Ecológica, e contan co apoio da Deputación da Coruña a través da convocatoria de axudas para as actividades ambientais.

Saída dende Muros

Hoxe mesmo realizamos un embarque dende Muros a bordo do veleiro CARRAO co obxectivo de poñer a punto a metodoloxía a bordo e o protocolo COVID19, para manter as medidas de seguridade en todos os traballos que se realicen.