“Coa máxima vontade de colaboración e de chegar a acordos, pero tamén coa máxima esixencia na defensa dos sectores do turismo e a hostalería”. Con esta declaración de intencións, o deputado provincial Carlos Font sinalou hoxe que a Deputación de Pontevedra acudirá mañá mércores, á reunión de Compostela, coa esixencia dun “auténtico plan de rescate, coa participación proporcional de todas as administracións, e coa aportación dun 1% de cada orzamento”.
Font subliñou que ” os 50 millóns de euros do fondo no que insiste a Xunta de Galicia é absolutamente insuficiente, e máis agora cun novo peche e medidas restritivas tan duras. Non é momento dun plan de axudas, dixo, é a hora dun plan de rescate de sectores que están a ser tan afectados polas decisións da propia Xunta, decisións erráticas que non se toman no momento adecuado, tardías e improvisadas”. O deputado engadiu que “se a Xunta non entende que os 50 millóns se quedarán moi cortos, terá que asumir a responsabilidade do que ocorra con milleiros de establecementos”.
O deputado expresou tamén a preocupación do goberno provincial “ante manifestacións notoriamente falsas que a Xunta verteu onte na reunión co sector cando dixo que “no 2020 o Estado aportou exclusivamente políticas pasivas como os ERTES que son importantes pero nada mais” (sic). Carlos Font lamentou que “se poida mentir con tanto descaro ao sector cando a propia Delegación do Goberno volveu confirmar hoxe que o Estado destinou a Galicia transferencias directas a fondo perdido de 224 millóns de euros, especificamente para compensar a caída de actividade económica dos sectores afectados”. “Polo tanto, dixo Font, teñen recursos e esiximos que os destinen a quen os necesita”.
Font rematou dicindo que “temos esperanza en que na reunión se poida chegar a un acordo. Cremos que a Xunta de Galicia aínda está a tempo de rectificar, porque é de moi difícil explicación que aposte por un plan de axudas de 50 millóns de euros, cando coa aportación proporcional do 1% do orzamento, participaríamos máis administracións e poderíamos constituír un verdadeiro Plan de Rescate que é o que necesitan os sectores afectados”
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.