Carmela Silva apela ao traballo conxunto das administracións públicas e a sociedade como resposta ante os retos do Brexit

A presidenta da Deputación salientou que “España está preparada para facer fronte ao Brexit” na xornada sobre os retos do sector pesqueiro organizada pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva apela ao traballo conxunto das administracións públicas e a sociedade como resposta ante os retos do Brexit

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, apelou hoxe ao traballo conxunto entre a sociedade e as administracións públicas na resposta ante as posibles consecuencias que pode ter un Brexit duro, se finalmente este se produce. Silva indicou que “temos que construír a resposta conxuntamente, a sociedade e as administracións públicas, que en definitiva xestionan os intereses de todas e todos”, na apertura da xornada organizada pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) e que se celebra en Vigo para afondar nos retos que supón o Brexit para o sector pesqueiro.

Silva engadiu que “as administracións están facendo esforzos” ante a resposta que precisa o Brexit, unha medida “de división e proteccionismo” que, afirmou, “non se entende cando este proteccionismo, estas posicións ultras, non vai ter ningunha capacidade de facernos máis fortes e que nin sequera están pensadas en clave económica para facernos máis grandes e potentes, que é o que teríamos que estar facendo”. “Teriamos que estar falando de como facemos a Europa máis forte e isto se fai unindo, e non dividindo”.

En todo caso, ante este reto, subliñou, nas administracións “estanse creando moitos grupos de traballo nos que se informa, nos que se propón, nos que se intenta que esteamos preparados fronte as consecuencias de ese Brexit duro, se finalmente se produce, que todo apunta a que si será”. E, neste senso, falou “desde o optimismo” para afirmar que “España está preparada para facer fronte” á saída do Reino Unido da Unión Europea. “Se ven traballando desde hai moito tempo e teremos que facer sen dúbida esforzos –afirmou a presidenta da institución provincial-. Ao sector pesqueiro aféctalle moitísimo esta situación creada polo Reino Unido, polos populismos, polos que non teñen capacidade para deseñar o novo mundo e que se colocan en posicións que nos danan a todos. Pero estou convencida de que imos ser capaces, porque temos unha economía forte, porque temos unha empresa e uns empresarios e empresarias que están moi acostumados a facer fronte a todas as situacións. E as administracións están implicadas e se van ter que implicar moito máis. E iso vai significar tomar moitas decisións de todo tipo”.

Na súa intervención, a presidenta subliñou tamén a importancia da xornada organizada por Fundamar para abordar a situación. “É unha xornada imprescindible, porque temos que dar confianza, temos que crear instrumentos, temos que abrir debates, e sobre todo porque temos que traballar xuntas e xuntos. Fundamar sempre está a cabeza e liderando os debates dunha sociedade que precisa dunha economía potente para responder a novos retos moi complexos”.