Un ciclo de conferencias afonda na importancia dos procesos de investigación na creación artística

O obxectivo destas xornadas é reunir a diferentes axentes do sector da arte contemporánea
Publicado por o día 17/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un ciclo de conferencias afonda na importancia dos procesos de investigación na creación artística

“Penso que o artista ten que estar informado sobre aquilo que está desenvolvendo e ten que investigar en certa maneira o territorio no que traballa”. Con estas verbas puña de relevo o artista e profesor Antoni Muntadas o papel que os procesos de investigación xogan na creación artística contemporánea. Facíao, na tarde deste xoves, no primeiro dos relatorios do ciclo Investigación en curso, que a Facultade de Belas Artes promove co propósito de achegar diferentes perspectivas sobre a creación e os procesos de investigación, a través da participación, nos diferentes relatorios, de artistas, xestores culturais ou historiadores da arte.

Cando as obras son proxectos

Pioneiro da arte conceptual e do videoarte, así como profesor no Instituto Universitario de Arquitectura de Venecia, Muntadas protagonizou o arranque de ciclo abordando a súa propia metodoloxía de traballo, nunha conferencia que precede á inauguración, este sábado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), da exposición Estratexias do desprazamento, que revisa algunhas liñas do traballo de Muntadas e inclúe proxectos específicos inéditos como Finisterre, no que contou coa colaboración de alumnado de Belas Artes. “Eu ás obras chámolles proxectos, porque son procesos de traballo que toman tempo e que se orixinan nunha serie de etapas”, salientou este artista, que foi tamén docente na Escola de Arquitectura do MIT en Cambridge, nunha conferencia presentada pola decana, Silvia García, na que contrapuxo “dúas formas de ver” a práctica artística. Por unha banda, aquela “que se desenvolve dunha forma inmediata, dinámica, intuitiva e case dunha forma xestual” e, no outro extremo, unha “práctica lenta, reflexiva, de procesos”, na que encadrou a súa produción artística.

“Penso que a investigación non está desligada das artes plásticas, ao contrario”, engadiu nese senso Muntadas, Premio Nacional de Artes Plásticas en 2005 e Premio Velázquez de Artes Plásticas en 2009, quen defendeu que as e os artistas desenvolvan un método de traballo, xa que “entender que fas e por que o fas é moi importante para configurar un proxecto”, ao tempo que avogou por unha “arte interdisciplinar”, que conflúe coas ciencias sociais e a comunicación e naque tanto o lugar como o tempo no que desenvolve a creación son elementos importantes na configuración dese proxecto final, que no caso dun artista que ten exposto en museos como o MOMA de Nova York ou o Reina Sofía pode ser o resultado de “sete ou dez anos” de traballo.

Seguindo o curso da investigación

Tras este primeiro relatorio, Investigación en curso continuará o martes 20 de marzo co almorzo Vías da investigación, que contará coa participación de Fran Quiroga, coordinador do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns, impulsado pola USC e coordinado por Montenoso; xunto coa artista multidisciplinar, docente e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo Iria Vázquez.

Xa o 11 de abril, o ciclo continuará coa conferencia Epistemoloxías poéticas. O artista como historiador e o crítico como narrador, que achegará ao campus ao profesor de Historia da Arte na Universidad de Murcia, escritor e crístico Miguel Ángel Hernández Navarro. O ciclo completarase cunha conferencia, con data aínda pendente de confirmar, da comisaria coruñesa Chus Martínez, que actualmente dirixe do Instituto de Arte da Academy of Art and Design de Basilea (Suíza), tras exercer previamente como conservadora xefe no Museo do Barrio de Nova York e no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona.