A Consellería de Educación convoca 9665 prazas para a acreditación de competencias profesionais

Os aspirantes deberán demostrar que adquiriron as pertinentes capacidades a través da experiencia laboral
Publicado por o día 11/01/2018 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Consellería de Educación convoca 9665 prazas para a acreditación de competencias profesionais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a convocatoria para o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. En total serán 9665 prazas para que as persoas que demostren unhas determinadas capacidades vinculadas con ciclos formativos a través do exercicio da súa vida laboral podan convalidalas por unidades de competencia de titulacións de FP, o que lles facilitará a obtención do título. A convocatoria pode consultarse aquí.

En xeral, mantense unha oferta similar a convocatoria anterior, moi diversificada e que atende ás demandas dos distintos sectores produtivos nas diferentes zonas xeográficas. As familias profesionais nas que se convoca o proceso son 18, dúas máis que na convocatoria anterior ao introducirse Enerxía e Auga e Imaxe e Son. As 16 restantes son as de Administración e xestión, Comercio e mercadotecnia, Agraria, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Hostalería e turismo, Imaxe persoal, Industrias alimentarias, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos.

En total, serán 33 os ciclos formativos nos que se poderán acreditar unidades de competencia, dos que cinco son novos nesta convocatoria, nomeadamente Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica, Proxectos de edificación, Axencias de viaxes e xestión de eventos, Iluminación, captación e tratamento de imaxe e Integración social. Ademais, tamén se convocan novas unidades de competencia dentro de ciclos xa convocados para pechar unha cualificación de valor profesional moi solicitada e relacionada cun carné profesional, en concreto no ciclo de Instalacións de produción de calor.

Prazos e requirimentos

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de febreiro de 2018. A fase de asesoramento desenvolverase desde a data de publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ata o 31 de maio de 2018; mentres que a de avaliación de cada unha das persoas candidatas se desenvolverá desde o día seguinte ao remate da fase de asesoramento ata o 22 de xuño de 2018.

Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán posuír a nacionalidade española; atoparse incluído como residente comunitario ou familiar de este ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor; ter cumpridos no momento de realizar a inscrición 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I e 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III; e er experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.

No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificarán cando menos 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total. No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.

Fases

As solicitudes deberán presentarse en papel na secretaría do centro integrado de formación profesional (CIFP) onde se vaia desenvolver o procedemento e deberá xerarse dende a aplicación informática de xestión do mesmo, que pode ser calquera dos 20 centros que compoñen a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional, incluíndo o CIFP Imaxe e Son na Coruña que se incorpora nesta convocatoria. A Consellería garantirá un servizo aberto e permanente que lles facilite información e orientación a todas as persoas que a soliciten, que será facilitada polos departamentos de orientación dos centros integrados de formación profesional e nos centros de formación profesional de titularidade pública dependentes da administración educativa.

A primeira fase, de asesoramento, realizarase de forma presencial, incluíndo unha entrevista persoal individual para axudar a persoa candidata a explicitar as competencias e aprendizaxes adquiridas, a responder ao cuestionario de autoavaliación así como a ampliar a documentación acreditativa co fin de mellorar o historial profesional e formativo. A persoa asesora identificará e valorará a información profesional achegada e realizará un informe de carácter orientativo, onde indicará de forma motivada se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia.

Na fase de avaliación, a comisión realizará un plan individualizado, analizando o informe da asesoría e todas as evidencias que se obteñan da documentación achegada pola persoa candidata. A comisión de avaliación valorará os resultados do proceso e elaborará un informe individualizado.

Finalmente, e de superar con éxito as dúas fases anteriores, o proceso rematará coa acreditación e rexistro da competencia profesional.

Desde 2011 a Consellería de Cultura e Educación ten convocado – contando a actual convocatoria- un total de 68.390 prazas para a acreditación de competencias.