Continúa aberto o prazo de inscrición das xornadas de emprego e innovación organizadas polo concello de Tomiño

ESTÁ PREVISTA A PARTICIPACIÓN NO EVENTO DE EMPRESAS ASOCIADAS A ACUBAM, CO FIN DE CREAR UNHA BOLSA DE EMPREGO
Publicado por o día 14/09/2018 na sección de Galicia,Vigo

Continúa aberto o prazo de inscrición das xornadas de emprego e innovación organizadas polo concello de Tomiño

Continúa aberto o prazo de inscrición para participar nas  “XORNADAS DE EMPREGO E INNOVACIÓN COLABORATIVA”, organizadas polo Concello do 18 ao 21 de setembro. Trátase dunhas xornadas, de balde, destinadas á mocidade de Tomiño e Vila Nova de Cerveira con proxectos emprendedores, persoas desempregadas ou non, que desexen converterse en axente activo do territorio a través de proxectos de emprendemento, sociais e/ou culturais.

A idea é a de conectar ideas e persoas, acompañando a emprendedores, empresas e institucións na procura de solucións innovadoras para desenvolver marcas, produtos, servizos ou ferramentas relevantes para o crecemento dun negocio actual , e sensibilizar sobre as oportunidades que as persoas emprendedoras poden topar nos sectores asociados ao mundo rural, a través da innovación e a creatividade.

Durante catro días, as persoas anotadas (a día de hoxe hai 34)  participarán de forma activa nos seguintes obradoiros:

Análise das tendencias no mundo rural; Novas formas de relación e colaboración entre empresas; Espazos de traballo colaborativos; Innovación centrada nas persoas; Novos modelos de financiación alternativa; Novas ferramentas na busca de emprego, e unha sesión entre empresas e persoas desempregadas.

Está prevista a participación, no evento de matchmaking, de empresas asociadas a acuBam, co fin de crear unha bolsa de emprego.

INSCRICIÓNS E MÁIS INFORMACIÓN NO ENLACE:  http://tomino.gal/xornadas-de-fomento-do-emprendemento/