Destinan máis de 3 M€ ao programa Aprol Economía Social para impulsar o emprego en cooperativas e sociedades laborais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar as bases da convocatoria, que incrementa a súa dotación inicial en preto dun 50%
Publicado por o día 12/01/2020 na sección de Economía,Xunta de Galicia

Destinan máis de 3 M€ ao programa Aprol Economía Social para impulsar o emprego en cooperativas e sociedades laborais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases da convocatoria de axudas do programa Aprol Economía Social, que busca fomentar o emprego estable e de calidade en cooperativas e sociedades laborais e que conta cunha dotación inicial de máis de 3 millóns de euros, o que supón un incremento de preto dun 50% respecto da convocatoria anterior.

Este programa conta con dúas liñas de axudas, incentivando, por un lado, ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen persoas socias traballadoras, e por outro lado, apoiando as persoas desempregadas ou traballadoras temporais que desexan acceder á condición de socias nestas entidades. Prevese que coa convocatoria deste ano se poida chegar ata as 100 cooperativas ou sociedades laborais beneficiarias, que poderán incorporar ata 250 novas persoas socias traballadoras. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro, e poderán concorrer todas as incorporacións que se produzan entre o 2 de outubro de 2019 e o 14 de novembro de 2020.

As axudas ás que poderán optar as cooperativas e sociedades laborais son de entre 6.000 e 16.500 euros por cada persoa que incorporen a tempo completo, sexa desempregada, traballadora temporal da propia entidade ou socia a proba desta. Unha soa entidade podería chegar a percibir ata 67.500 euros por esta liña de axudas. Así mesmo, poderán solicitar axudas pola incorporación de socios traballadores en proba, sempre que se trate de persoas desempregadas menores de 30 anos (ou 35 se teñen algunha discapacidade) e permanezan nesa situación entre 6 e 12 meses. Neste caso, a subvención sería de 600 euros ao mes.

Pola súa parte, as persoas que queiran acceder como socias traballadoras a unha cooperativa ou sociedade laboral, poderán percibir unha axuda de entre 6000 e 16.500 euros (en función do capital social que teñan que achegar á entidade) se se incorporan a tempo completo. Poden optar a esta subvención as persoas desempregadas, asalariadas (fixas ou temporais) da entidade ou socias a proba, así como as traballadoras doutro tipo de empresas que se transformen en cooperativas ou sociedades laborais. Ás mesmas axudas poderán acceder aquelas persoas desempregadas que inicien unha actividade económica por conta propia e se incorporen a unha cooperativa en réxime de exclusividade.

Premios para promover o cooperativismo

Por outro lado, tamén se veñen de publicar no DOG as convocatorias de dous premios cos que se pretende promover o cooperativismo: os Premios á Cooperación e o certame Cooperativismo no Ensino.

Este último ten por obxectivo difundir e promover o cooperativismo e os seus valores entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Deste xeito, as iniciativas que se presenten ao concurso terán que potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de xeito pactado.

Este certame conta con tres modalidades en función da etapa educativa do alumnado participante: así, os alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria poden presentar un traballo na modalidade de actividades artísticas, que conta con catro categorías por idades, cada una delas dotada cun premio de 2500 euros e un accésit de 1500 euros. O alumnado de ESO pode participar na modalidade de actividades cooperativizadas, optando tamén a un premio de 2500 euros e un accésit de 1500 euros; e os alumnos e alumnas de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial teñen a posibilidade de presentar os seus traballos na modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dotado cun premio de 4500 euros e un accésit de 3500 euros.

Os premios á cooperación, pola súa parte, pretenden fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega. Estes premios inclúen tres categorías: premio á mellor cooperativa nova, na que poden participar as cooperativas galegas de ata 42 meses de antigüidade; premio á mellor traxectoria cooperativa, para as veteranas de máis de 42 meses de antigüidade; e o premio aos valores cooperativos, que se outorga á cooperativa galega que máis teña destacado no impulso dos principios cooperativos. Cada un destes galardóns está dotado con 5000 euros. Tanto no caso do certame Cooperativismo no ensino como no dos Premios á cooperación, o prazo para presentar as candidaturas xa está aberto e rematará o próximo 30 de abril.

Todas estas medidas forman parte da Estratexia galega de Economía Social, que ten como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social, aumentar nun 20% os empregos neste sector e potenciar a presenza feminina nestas entidades. Nas próximas semanas publicaranse tamén outras convocatorias enmarcadas nesta estratexia, orientadas a promover as actividades de divulgación, formación e asesoramento en materia de economía social que leven a cabo as entidades que forman parte da Rede Eusumo; reforzar a visibilización e participación das entidades representativas deste sector; promover o emprego nas empresas de inserción, e apoiar a capacitación para o emprego de persoas en risco de exclusión.